Intervención plenaria para a aprobación provisional do PXOM

Intervención plenaria para a aprobación provisional do PXOM

O PXOM de Noia ven de acadar a aprobación provisional no pleno extraordinario celebrado esta mesma mañá. Na votación, o Documento de Aprobación Provisional de Xuño de 2015, obtivo os votos favorables de BNG, PP e NO.I.A. Pola súa banda, o PSdeG-PSOE abstívose, mentras que a Marea Cidadá votou en contra.

Esta é a intervención da nosa voceira, onde argumentamos o noso voto favorable:

INTERVENCIÓN PLENARIA PARA A APROBACIÓN PROVISIONAL DO PXOM

(Documento de Aprobación Provisional de Xuño de 2015)

Señor Alcalde, señoras e señores concelleiros, o Grupo Municipal do BNG non pode máis que congratularse ao comprobar coma a reflexión que hai días fixemos, acerca da necesidade de someter o Documento de Aprobación Provisional do PXOM, á consideracióndo Pleno da Corporación Municipal, antes da entrada en vigor da nova Lei 2/2016, do Solo de Galiza, e non sometelo á adaptación previa á mesma (coma coñecemos a través dos medios de comunicación que vostedes estaban a considerar), vai facer posible que o Plan camiñe de xeito inexorable cara á súa aprobación definitiva nun período de tempo que nós desexamos sexa o máis curto posible.

Hai que lembrar que este PXOM vai a substituír ás Normas Subsidiarias de Planeamento Municipal de 1991, que a súa vez foron sucesoras do Plan Xeral de Ordenación Urbana que tivera a súa entrada en vigor no mes de Marzo de 1974.

Quero dicir con isto, que este trámite, o da aprobación provisional do novo PXOM, maniféstase coma urxente e necesario xa que teñen transcorrido 25 anos desde a entrada en vigor das anteriormente citadas Normas Subsidiarias de Planeamento Municipal, en cuxas determinacións se contemplaba que a súa revisión ou adaptación faríase necesariamente unha vez decorridos oito anos desde a súa aprobación definitiva. Si ben é certo que o planeamento urbanístico municipal aínda hoxe en vigor sufriu ata un total de 13 modificacións puntuais, non é menos certo que un cuarto de século de vixencia do mesmo é moitísimo tempo se falamos de ordenación do territorio.

O Plan recolle toda unha serie de obxectivos que de xeito sucinto citarei:

    • Os de carácter xeral
    • Os que atinxen ás áreas de asentamento
    • As novas dotacións e infraestruturas
    • As redes de infraestruturas de servizo
    • Os equipamentos
    • As zonas verdes e espazos libres públicos

Estou convencida que este Plan Xeral vai a contribuír de xeito decisivo a reforzar a estrutura social e económica de Noia en aras a manter a nosa hexemonía no contexto xeográfico da Ría e facer que a condición de cabeceira de comarca se manteña e co paso do tempo se fortaleza. Neste sentido as determinacións que PXOM recolle están dirixidas a definir un modelo territorial capaz de canalizar o desenvolvemento e os investimentos en base a un proxecto onde os recursos se utilicen de xeito responsable e respectuoso co ambiente, e o territorio asuma as funcións que lle son propias.

Señor Alcalde, señoras e señores concelleiros, o BNG votará a favor do Documento de Aprobación Provisional do PXOM, en coherencia con todo o traballo desenvolvido por nós neste eido, durante o pasado mandato municipal 2011-2015, e ante a necesidade evidente de dotármonos dunha ferramenta actualizada no relativo á ordenación territorial do noso espazo máis cercano.

Grazas.