ROGO E PREGUNTAS PLENO XULLO 2019

Rogos e preguntas formuladas polo BNG no pleno ordinario de xullo do 2019

Pleno Concello de Noia
Pleno Concello de Noia
Queremos manter aos cidadáns informados do noso traballo como parte da corporación municipal. É por iso que aquí vos deixamos os rogos e preguntas formuladas polo noso grupo municipal  no pasado pleno ordinario celebrado o 23 de xullo.
Rogos e preguntas formuladas polo BNG no pleno ordinario de xullo do 2019

ROGO

Noia conta con unhas moi boas instalacións de atletismo que supuxeron unha importante inversión. As mesmas encóntranse nunha situación de desaproveitamento por mor da falta de inversión no seu equipamento.

A falta de colchonetas para os saltos e dun carro para o traslado de vallas, a perda da gaiola de lanzamentos, así como a inexistencia dun habitáculo para a realización das "fotos finish" imposibilitan a celebración de probas oficiais. Obrigando desta maneira aos atletas do noso pobo e do resto da nosa comarca a realizar desprazamentos para poder competir.

Ademais, o feito de non ter uns vestiarios especificamente habilitados para as mulleres imposibilita a súa vez que os clubes de atletismo empreguen estas instalacións para o adestramento.

Rogámoslle:

Sr. Alcalde, podería comprometerse a que se realicen con premura as inversións e traballos necesarios para que a pista de atletismo de Noia sexa apta tanto para as competicións oficiais como para a utilización dos clubes?

 

PREGUNTAS

Primeira:

A Xunta de Goberno Local celebrada o día 14 de Xaneiro do ano 2015 solicitou, á Dirección Xeral de Mobilidade da Xunta de Galicia, a inclusión do Concello de Noia no denominado PLAN DE TRANSPORTE METROPOLITANO DE GALICIA, concretamente na área de transporte metropolitano de Santiago de Compostela.

Posteriormente, no Pleno Ordinario celebrado no mes de setembro do mesmo ano, reitérase a adopción do mesmo acordo.

Preguntámoslle:

Sr. Alcalde, pode dicirnos en que estado de tramitación se atopa a solicitude do Concello de Noia, de inclusión no PLAN DE TRANSPORTE METROPOLITANO DE GALICIA, concretamente na área de Santiago de Compostela?

 

Pregunta 2

Somos conscientes de que tras a reunión que mantivemos para mostrarlle a nosa preocupación polas queixas dun conxunto de veciños ante a necesidade de habilitar unha parada de autobús en Ousoño que cumpra coa normativa e respecte a intimidade dalgúns dos veciños vostede iniciou as xestións pertinentes para solucionar esta situación.

Preguntámoslle:

En que situación se atopan ditas xestións? Cando estima que a nova parada vai estar habilitada?

 

Pregunta 3

No pleno de xullo de 2017 acordouse en pleno por unanimidade a recuperación do humidal de San Lázaro na zona do antigo campo de fútbol que hoxe se atopa en situación de abandono.

Os humidais son recoñecidos pola ONU e moitas outras institucións como unha das máis eficientes e ecolóxicas formas de saneamento das augas, tema tan importante para a economía do noso concello.

Ademais, os acordos en pleno, como todos sabemos, son de obrigado cumprimento.

Preguntámoslle:

Cando se vai a levar a cabo este acordo? Fixéronse xa algunhas xestións ao respecto deste asunto? Considerou a posibilidade de solicitar axuda económica e técnica a outros entes do ámbito académico e institucional para que este humidal teña o mellor efecto posible para as augas da nosa ría?

 

Pregunta 4

A área recreativa do San Lois, a pesar de estar en terreos dunha comunidade de montes, foi levada a cabo con cartos públicos e polo tanto entendemos que é responsabilidade do concello o seu mantemento.

No ano 2016 anunciouse que se ían destinar 30000 euros do Plan de Aforro e Investimento para o acondicionamento e a reposición de todos os elementos da área recreativa e do miradoiro que alí se atopa.

O feito de que a comunidade de montes se atope extinta non é óbice para a realización destes traballos xa que a lei galega de montes veciñais establece que:

“En situacións xurídicas de pendencia por extinción ou desaparición da Comunidade de veciños titular do monte, a defensa dos seus intereses corresponde á parroquia onde radique o mesmo, ou subsidiariamente á Consellería de Agricultura, que regularán en

concepto de titulares provisionais o aproveitamento do monte en beneficio da Comunidade parroquial”.

A pesar de todo o exposto vemos como a situación desta área recreativa así coma dos seus compoñentes e totalmente deficiente.

Preguntámoslle:

Ao final pediuse este préstamo para dita inversión? No caso de terse pedido, foi aprobado pola deputación? No caso de ser concedido, cal foi a finalidade exacta destes cartos? Teñen pensado comezar novos traballos de acondicionamento desta área recreativa? Consideran inténtalo antes de que remate o período estival?

 

Pregunta 5:

O pasado domingo da feira medieval ocorreu un fallo eléctrico na vila de Noia ao redor das 15h que causou importantes perdas para varios hostaleiros, dito fallo foi responsabilidade de Fenosa

Preguntámoslle:

Estuda o goberno levar a cabo a coordinación cos hostaleiros para demandar unha compensación por parte de dita empresa aos hostaleiros prexudicados?