Lei de Acuicultura de Galiza
O BNG de Noia solicita á Consellería do Mar a retirada do Anteproxecto de Lei de Acuicultura de Galicia, por consideralo claramente lesivo para os intereses duns sectores como o da pesca de baixura e nomeadamente o do marisqueo, crucial para a economía do noso Concello, no que se atopan uns dos bancos máis produtivos de Galiza, e que da emprego directo a unhas 1500 persoas. O mencionado Anteproxecto fala da conversión das actuais autorizacións en concesións ás que terán dereito a concursar todo tipo de empresas, abrindo así a porta á privatización da xestión e explotacións dos nosos recursos marisqueiros. Por isto facemos eco da preocupación da Federación Galega de Confrarías de Pescadores de Galicia ao respecto e esiximos a paralización da tramitación do actual Anteproxecto e o establecemento dun amplo diálogo co sector para consensuar un texto legal adecuado ás demandas do mesmo.
Non podemos ficar calados ante este novo ataque por parte da Xunta a uns dos pilares da nosa economía como son a actividade marisqueira e a pesca de baixura. Por isto o BNG leva esta proposta ao pleno ordinario da corporación noiesa que terá lugar o vindeiro xoves a través dunha moción presentada pola nosa voceira, Irati García, que agarda que a Corporación se posicione a carón do sector e partille a necesidade da retirada deste texto que só pode traer consecuencias funestas para o sector, os traballadores e traballadoras do mesmo e a economía galega.
Podes consultar o texto da moción aquí.