Moción sobre as Festas de San Bartolomeu

Moción sobre as Festas de San Bartolomeu

Achegamos o contido da moción presentada para o seu debate no pleno do vindeiro xoves, 6 de agosto:

--- 

Señor D. Miguel Ángel Paz Barreiro, Alcalde - Presidente do Pleno da Corporación Municipal do Concello de Noia:

O Grupo Municipal do Bloque Nacionalista Galego-Asembleas Abertas, ao abeiro do artigo 21.2 do Regulamento Orgánico do Concello de Noia, formula a seguinte

MOCIÓN

Exposición de motivos

Como é ben sabido, atopámonos en datas próximas á tradicional celebración das festas patronais de San Bartolomeu da Vila de Noia, o cal concitou que tomásemos a decisión de defender públicamente a nosa postura sobre certas cuestións.

Dentro da diversidade de estilos grupais e musicas, non podemos obviar a raigame que ten a coñecida como verbena na cultura popular galega actual e somos conscientes de que este tipo de espectáculos musicais en directo atraen a milleiros de persoas que se achegan a disfrutar das actuacións das agrupacións que adoitan amenizar as festas.

Lamentablemente nos últimos tempos estánse dando a coñecer á opinión pública diversas investigacións relacionadas con presuntos casos de defraudación á facenda pública por parte de intermediarios na contratación dos espectáculos referidos e representantes artísticos, falándose incluso de supostos de defraudación de tales contías que incardinan as actuacións investigadas alén da órbita da infracción tributaria, falando xa de delito fiscal e existindo unha intervención por parte da Fiscalía. Co máximo respecto ao dereito á presunción de inocencia, cremos que dado o elevado das contías das que se está a falar nestes supostos, até que que quede clarificada e regularizada a situación tributaria dos investigados, non se debe proceder a establecer ningunha relación de tipo contractual onerosa con cargo ao erario público cos mesmos.

Por outra banda, e tendo en conta a diversidade de estilos e de gustos musicais entre a poboación, non hai que esquecer a importancia de seguir reservando un hoco na programación das festas da nosa Vila para bandas e artistas galegas, e dentro das mesmas as locais.

Por todo o exposto, SOLICITAMOS do Pleno da Corporación do Concello de Noia a adopción dos seguintes

ACORDOS

– que seguindo a liña da programación festiva dos últimos anos no Concello de Noia, se continúen a incluir na programación actuacións de grupos de estilos musicais diversos, tratando de dar certo  protagonismo a bandas galegas e da localidade;

– que dada a presunta situación de irregularidade tributaria de intermediarios na contratación dos espectáculos referidos e representantes artísticos, este Concello non estableza ningunha relación de tipo contractual onerosa con cargo ao erario público cos mesmos.

E para que conste aos efectos oportunos, asina a presente Dna. Irati García Tomé, Portavoz do Bloque Nacionalista Galego do Concello de Noia

Noia, 3 de agosto de 2015

Moción sobre as Festas de San Bartolomeu