Sumámonos á concentración convocada pola CIG
Logo da denuncia realizada pola CIG, á que tamén se sumou SOS Sanidade Pública, o BNG vén de elevar ao Parlamento os problemas da avaría da máquina de raios X do centro de saúde de Noia, circunstancia pola cal os veciños da comarca (Noia, Lousame, Porto do Son e Outes) están sen este servizo vendose obrigados a desprazarse até Santiago ou no peor dos casos a acudir á sanidade privada.
Dende o BNG de Noia estimamos que esta situación, derivada da política de recortes en sanidade e na mala xestión, non é sostible no tempo e fainos temer que o centro de saúde noiés deixe de prestar definitivamente este servizo en claro perxuízo da veciñanza, polo cal esiximos unha pronta solución que non implique a redución de servizos sanitarios nos centros de asistencia primaria. Por isto, o BNG sumarase á concentración convocada pola CIG para o vindeiro luns ás 11h diante do propio centro de saúde de Noia.