A MOBILIZACIÓN SOCIAL CONSEGUIU SUSPENDER A TRAMITACIÓN DO EXPEDIENTE
Preguntamos á Comisión Europea polas verteduras á ría
O BNG vén de formular unha pregunta dirixida á Comisión Europea sobre a actividade das Minas de San Fins e a repercusión medioambiental que a mesma pode xerar na Ría de Muros e Noia.
A representante do BNG en Europa, Ana Miranda, vén de formular a través do grupo parlamentar da Alianza Libre Europea-Os Verdes do que forma parte, unha pregunta dirixida á Comisión Europea sobre as actividades extractivas das Minas de San Fins e os vertidos que esta produce na conca fluvial que desemboca na Ría de Muros e Noia.
Na pregunta faise mención á existencia de metais pesados, nomeadamente cadmio e o efecto negativo que isto pode supor para os bancos marisqueiros, cuxa produción de bivalvos (berberecho e ameixa) é a máis importante de Galiza.
A este respecto hai que lembrar que a mediados deste mes de xaneiro Augas de Galiza, dependente da Consellería de Medio Ambiente, vén de suspender durante tres meses e a petición da propia empresa que insta a actividade (TUNGSTEN SAN FINX, SLU), a tramitación do expediente administrativo de autorización do vertido ao Río Pesqueira das augas residuais procedentes da explotación mineira, a fin der poder presentar contestación ás alegacións formuladas durante o período de información pública.
Para o BNG esta suspensión na tramitación do expediente é consecuencia directa das alegacións presentadas ao proxecto mineiro e tamén froito da mobilización social que tal pretensión desatou.