DAS GRANDES PROMESAS ELECTORAIS INCUMPRIDAS, Á REALIDADE DOS SIMPLES ASFALTADOS
Quen adoite seguir os distintos procesos electorais, e nomeadamente os municipais, logo constatará cal é o proceder do Partido Popular. O mesmo consiste en presentarse diante da cidadanía como membros dunha estrutura política que detenta o poder na Galiza, e a simple pertenencia a esa estrutura, será dabondo para que a Administración galega teña, no futuro, un comportamento “especial” se o grupo local accede á alcaldía do lugar do que se trate.
Este proceder púxose de manifesto na recente visita da Conselleira de Medio Ambiente a Noia anunciando a inminente licitación dunha actuación na Praza das Américas. Nós preguntámonos: é necesaria a presencia dunha Conselleira para anunciar a remodelación dunha rotonda, a construción dunhas beirarrúas, o repintado dos pasos de cebra e a reubicación das prazas de aparcamento? Para nós estaría xustificada a súa presenza si viñera a anunciar a construción da nova ponte sobre o río Traba (entre o Malecón de Cadarso e o de San Lázaro), ou a nova pasarela peonil entre o barrio do Campo das Rodas e o de San Lázaro. Medidas, estas sí, que suporían unha mellor comunicación e integración do barrio de San Lázaro co resto da vila.
Mención aparte merece a presencia no séquito institucional da Directora Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, que veu a Noia coas mans baleiras, no lugar de traer consigo o decreto de aprobación definitiva do PXOM, documento que contempla toda unha serie de actuacións integrais e ordenadas no tempo, que se están a substituír por outras acordadas a “salto de mato”.
O Partido Popular de Noia, a estas alturas do mandato municipal, está a realizar simples asfaltados no lugar de acometer aquelas grandes promesas electorais anunciadas no mes de maio do ano 2015.