Acerca do plano cuadrienal de obras: o segundo acceso á Barquiña
O SEGUNDO ACCESO Á BARQUIÑA TEN QUE EXECUTARSE DENTRO DO PRESENTE MANDATO MUNICIPAL.
Aínda que teremos que agardar a coñecer o contido do plano cuadrienal de obras anunciado polo actual goberno municipal, cremos que debe ser tida en conta a existencia, dentro do Documento de Aprobación Provisional do PXOM, dun amplo catálogo de accións a desenvolver durante a vixencia do mesmo. O elenco de accións comprende os seguintes apartados:
- Sistema de equipamentos
- Sistema de espazos libres
- Sistema viario
- Sistema de infraestutura de servizos
Sen deixar de recoñecer que moitas das accións incluídas están directamente vinculadas ao desenvolvemento urbanístico e á implicación dos propietarios dos ámbitos abranguidos polas mesmas (nomeadamente as incluídas no sistema de equipamentos así como o de espazos libres), outras dependen directamente do impulso do goberno local, e aí atópanse maiormente as comprendidas dentro do sistema viaria e as do sistema de infraestrutura de servizos (case todas, neste último apartado, correspondentes ao ciclo da auga e á conclusión definitiva do actual saneamento integral).
Pois ben, para o BNG tórnase inescusable a construción, dentro do presente mandato municipal, do segundo acceso ao lugar de A Barquiña; estámonos a referir ao que partindo desde a Corredoira do Ruso, avance polo Río do Porto e desemboque na Agra de Barro. O cálculo inicial previsto para tal actuación está cuantificado en 401.988,00 Euros, e o proxecto terase que concibir como unha actuación sensible ás calidades do lugar.