Acerca do PXOM

Acerca do PXOM

NON PARTILLAMOS DA NECESIDADE DUNHA NOVA EXPOSICIÓN PÚBLICA DO PLAN XERAL DE ORDENACIÓN MUNICIPAL ANTES DA SÚA APROBACIÓN PROVISIONAL TAL COMO DEMANDA O PARTIDO POPULAR.

A aprobación no pleno ordinario do presente mes de setembro dunha proposta impulsada polo Partido Popular acerca do estado de tramitación administrativa do PXOM obríganos a facer unha serie de reflexións acerca do mesmo.

A primeira é a que se refire á proposta dunha nova exposición pública do documento, cuestión esta que non encaixa, nin no procedemento de tramitación nin no avanzado estado de elaboración do propio PXOM. Haberá que lembrarlle ao PP que só sería posible unha nova exposición pública, logo da aprobación inicial, e antes da súa aprobación provisional, si o documento, despois do trámite de exposición pública e como consecuencia da aceptación das alegacións formuladas e da adecuación do mesmo ao contido dos diversos informes técnicos emitidos polas administracións sectoriais que teñen a ver coa ordenación do territorio, sufrise unha modificación substancial. Hai que dicir, máis unha vez, que o concepto de modificación substancial, é un concepto xurídico indeterminado do que a doutrina científica di que: ”para que poda apreciase a súa existencia é preciso que os cambios introducidos supoñan unha alteración do modelo de planeamento elixido que o fagan aparecer como distinto ou diferente en tal grado que poida estimarse coma un novo planeamento”. Esta circunstancia non se deu, xa que no último informe emitido pola Xunta de Galicia, nada se di ao respecto.

Demandamos, xa que logo, seriedade ao conxunto da Corporación Municipal que apoiou integramente (coa excepción da nosa concelleira, ausente do Pleno, por baixa laboral) o contido da moción do Partido Popular. Alguén sabe do que estamos a falar?, sabe do estrés que se lle introduce ao conxunto da propiedade cada vez que se abre a posibilidade nunha nova ordenación urbanística que abranga a totalidade do territorio municipal?, sábese dos custos económicos producidos aos veciños pola elaboración das diversas alegacións en gabinetes xurídicos e técnicos particulares?, pode estar Noia a agardar por un novo planeamento logo de case 25 anos de vixencia das Normas Subsidiarias de Planeamento Municipal?

Outra das cuestións que nos parece dunha irresponsabilidade inaudita, esta vez por parte do Goberno Local, é que se intente confundir á Corporación Municipal e por extensión a toda a cidadanía cando se fala do número total de alegacións formuladas no período de exposición pública; non hai máis que mirar o expediente administrativo do Plan para comprobar os datos exactos:

“Estas foron en total 1.023 e restándolle as 22 que eran complementarias arroxa unha cifra final de 1.001; están informadas favorablemente 506, informadas desfavorablemente 353 e informadas favorablemente de xeito parcial 142. Coma se dixo no seu día isto en termos porcentuais arroxa o seguinte dato: 64,74% de alegacións informadas de xeito favorable”.

Está claro que o resultado da exposición pública hai que comunicarlla ao conxunto da propiedade que participou de xeito activo mediante a presentación das correspondentes alegacións, iso si, pero no momento que o procedemento o establece que é, cando o PXOM acade a súa aprobación definitiva.

No que si coincidimos é na necesidade da convocatoria inmediata da Comisión Municipal de Seguimento do Plan, único xeito de avanzar cara a aprobación provisional do mesmo.

---

Acompañamos esta nota coa ligazón dunha nova do pasado 11 de xuño onde se da conta da entrega, por parte do Equipo Redactor do PXOM, do documento completo e listo para a súa aprobación provisonal.

---

No seguinte enlace podedes escoitar o audio do Pleno de 28/06/2013, no que se aprobou inicialmente o PXOM.

Acerca do PXOM