Sobre o anuncio de intervención na Pedrachán

Sobre o anuncio de intervención na Pedrachán

O RECENTE ANUNCIO EFECTUADO POLO GOBERNO LOCAL, DE INTERVENCIÓN NO BARRIO DA PEDRACHÁN, TERÁ QUE ADECUARSE ÁS DETERMINACIÓNS QUE PARA O ÁMBITO, ESTABLECE O PLAN ESPECIAL DE PROTECCIÓN E REFORMA INTERIOR DO CASCO HISTÓRICO.

PEPRICH-Pedrachán

O anuncio efectuado días atrás polo Goberno Local de Noia, de intervención no barrio da Pedrachán, coa prolongación do paseo de ribeira para que o mesmo teña continuidade no Casco Vello terá, ao noso entender, que aterse ás determinacións que recolle o Plan Especial de Protección e Reforma Interior do Casco Histórico que está en vigor desde o mes de novembro de 1998, e esquecerse das ocorrencias do partido político que en cada momento ocupe a Alcaldía; salvo que se acometa legalmente unha modificación puntual do planeamento en vigor de aplicación no Casco Antigo.

Referímonos ás propostas de intervención por zonas homoxéneas nas que está dividido o Casco Vello, deste xeito estamos na zona 3, denominada Corredoira-A Pedrachán. Para a mesma establécense, entre outras, as seguintes determinacións: "A urbanización dos camiños e espazos públicos do barrio da Pedrachán, con materiais pétreos, deberá simultanearse co desenvolvemento dun paseo de ribeira de sección reducida e tratamento naturalista que se recomenda prolongar sobre a beira oposta, dispoñendo dunha pasarela de conexión próxima aos muiños da Pedrachán". Parte deste intervención, coma é sabido, desenvolveuse xa no ano 2009, estando a Concellería de Casco Histórico e Patrimonio en mans do BNG, ficando pendente a continuidade do paseo de ribeira.

Nos planos que fan parte do Plan Especial, concretamente no titulado "Actuacións específicas de urbanización (paseos de ribeira), sector 3, Río Traba, beira dereita", o paseo arranca mesmo desde o edificio do antigo matadoiro, voando sobre o río ata a súa penetración no barrio da Pedrachán continuando a través do mesmo, volvendo a saír xa pola ribeira ata alcanzar a rúa Corredoira e a propia Ponte de Traba.

A materialización das determinacións contempladas no PEPRICH desde o mes de novembro do ano 1998, requirirá das autorizacións sectoriais de Costas do Estado e Augas de Galicia respectivamente, mesmo sería necesario, ao noso ver, o cofinanciamento das mesmas por parte de Costas do Estado, no seu ámbito de competencia.

Sobre o anuncio de intervención na Pedrachán