Sobre a aprobación provisional do PXOM

Casco vello
Sobre a aprobación provisional do PXOM

A INTENCIÓN DO GOBERNO LOCAL DE POSPOÑER A APROBACIÓN PROVISIONAL DO PXOM, PARA ADAPTALO Á NOVA LEI DO SOLO, PODE SIGNIFICAR TIRAR POLA BORDA BOA PARTE DO TRABALLO REALIZADO NOS ÚLTIMOS SEIS ANOS E NON PODER CONTAR CO MESMO ATA POLO MENOS O REMATE DO PRESENTE MANDATO MUNICIPAL.

Cando o día 10 de Xuño do pasado ano 2015, o Equipo Redactor do PXOM de Noia fixo entrega do mesmo no rexistro de entrada da Casa Consistorial, o documento legalmente denominado de “aprobación provisional” estaba listo para sometelo á consideración do Pleno na primeira sesión que a nova Corporación celebrase.

Casco vello

Xa se entendía, e así o dixemos naquel momento, que o lóxico sería que a nova Corporación Municipal (e aquí habería que acoutar o de “nova Corporación Municipal”, á entrada na mesma do grupo da MAREA, único ausente en todo o mandato anterior, cando se debateu o contido do Plan), tería que darlle un rápido repaso ao documento e logo proceder a prestarlle a aprobación provisional a fin de remitir todo o expediente á Xunta de Galiza, para que alí lle outorgasen a aprobación definitiva.

Descoñecemos as razóns polas cales o goberno presidido por Miguel Paz tardou en reaccionar e non puxo o asunto da aprobación provisional do PXOM coma algo prioritario e urxente, sabendo coma se sabía que se estaba a tramitar no Parlamento Galego unha nova Lei do Solo.

Podemos sospeitar que o PP pretende, con esta adaptación do Plan antes da súa aprobación provisional, atender á multitude de promesas que fixo durante o período de exposición pública do mesmo, e incluso durante a campaña electoral municipal, promesas moitas delas incompatibles co marco lexislativo existente, tanto o específico do solo coma o sectorial (costas, medio ambiente, cultura, etc).

Para o BNG sería necesario avanzar coa tramitación do Plan ata conseguir a aprobación definitiva do mesmo, e sería nese momento, estando xa en vigor o PXOM, cando se podería acometer a súa adaptación á nova Lei do Solo de Galicia. Temos que lembrar que a adaptación dos plans ás determinacións dunha nova lei consiste na adecuacións dos mesmos sen alterar por iso a filosofía de fondo do planeamento obxecto de tal adaptación.

Noia réxese a nivel urbanístico polas Normas Subsidiarias de Planeamento Municipal que entraron en vigor o 17 de xaneiro de 1991, é dicir, transcorreron xa 25 anos e isto a nivel da ordenación do territorio é moitísimo tempo, urxe en consecuencia contar cun novo PXOM e isto está nas mans do novo goberno local.

Sobre a aprobación provisional do PXOM