O BNG busca unha saída socioeconómica xusta para o sector do mar

mar%20bng.jfif
O BNG busca unha saída socioeconómica xusta para o sector do mar

EXPOSICIÓN DE MOTIVOS

O estado de alarma decretado o pasado 14 de marzo pola crise da Covid‐19 está causando gravísimos problemas ao sector do mar.

Limitouse a liberdade de circulación das persoas e a suspensión de numerosas actividades económicas.

No Real Decreto 463/2020, de 14 de marzo polo que se declara o estado de alarma pola xestión da situación de crise sanitaria ocasionada pola Covid‐19, no artigo 10.4 establécese que se suspenden as actividades de hostalería e restauración. O peche dos establecementos de restauración e hostalería reduciu drasticamente as vendas e ao mesmo tempo produciuse unha caída dos prezos. As actividades extractivas nos bancos marisqueiros, a pé, a flote, e a mergullo, e as actividades que teñen como destino fundamental do produto o sector da restauración, vense claramente afectadas. Proba disto é que se están a encontrar coa falta de demanda nas lonxas, de tal modo que o produto ten que ser devolto ao mar ou, no mellor dos supostos e en casos excepcionais, malvendelo por ausencia de compradores ou limitacións da libre competencia. Así pois, nestes momentos non existe demanda deste tipo de produto, por non ser de primeira necesidade, e está a constatarse que os compradores habituais (depuradoras, restauración,...) non están acudindo á lonxa. Polo tanto, as máis que escasas vendas teñen un prezo que provoca que a actividade non resulte sostible dende o punto de vista económico.

A maiores disto, están as dificultades que pon de manifesto o sector para poder realizar de xeito seguro a actividade extractiva, e garantir as condicións de seguridade e saúde, toda vez que se realiza de xeito colectivo a escasa distancia (desprazamentos, puntos de control, clasificación, venda en lonxa,...), ao igual que as reducidas dimensións de moitas embarcacións que impiden garantir que os tripulantes poidan manter medidas de protección e seguridade. Existe, polo tanto, grave risco de contaxio entre as e os profesionais, e de transmisión aos seus núcleos familiares. Ademais é unha evidencia que non están tendo ningún papel no mantemento da cadea alimentar, toda vez que non hai demanda do produto.

Estamos falando dunha actividade económica moi importante no noso concello, tratándose dunha situación que afecta a miles de persoas en Galiza, só no marisqueo, tanto a pé como a flote con máis de 6.600 persoas, cunhas rendas baixas, sen remanentes económicos; polo que lles é practicamente imposíbel, sen ingresos, afrontar pagos como as cotas á Seguridade Social, e menos atender os gastos das súas necesidades básicas.

A Xunta de Galiza segue a manter as competencias para regular o sector, toda vez que no artigo 6 do Real Decreto 463/2020, que establece o estado de alarma, di que: “Cada Administración conservará as competencias que lle outorga a lexislación vixente na xestión ordinaria dos seus servizos para adoptar as medidas que estime necesarias.”

A Lei 11/2008 de Pesca de Galicia, no artigo 7.2 h) di que se pode adoptar a seguinte medida: "Establecemento de vedas temporais ou zonais para determinadas especies así como os fondos autorizados.”

No Real Decreto 465/2020 de 17 de marzo que modifica o anterior, engádese o seguinte “En calquera caso, suspenderase a actividade de calquera establecemento que, a xuízo da autoridade competente, poida supor un risco de contaxio polas condicións nas que se estea desenvolvendo.”

Dito isto, até o de agora non nos consta que desde a Xunta de Galiza se teña decretado o peche destes sectores, como ten feito por exemplo o Principado de Asturias (Resolución de 17 de marzo de 2020, da Consejería de Desarrollo Rural, Agroganadería y Pesca, por la que se adoptan medidas en relación con la extracción del percebe y el marisqueo a pie en general), nin realizado ningunha solicitude dirixida ao Goberno español solicitando a paralización en base aos argumentos que detallamos.

Polo tanto, e toda vez que é unha evidencia que non teñen un carácter de esencial nin de primeira necesidade, a Xunta pode atender a demanda que está realizando o sector e decretar a suspensión provisional da actividade de marisqueo ocasionada por causa maior, derivada do estado de alarma decretado para a xestión da situación de crise sanitaria ocasionada pola Covid‐19.

Por outra banda, consideramos fundamental que a Xunta de Galiza actúe e se coordine co Goberno español coa finalidade de adoptar as medidas necesarias para a protección das e dos traballadores e traballadoras do sector do mar.

Por iso, Ricardo Suárez, en nome do grupo municipal do BNG de Noia, solicitará aos diferentes grupos municipais a adopción do seguintes

ACORDOS

1. Solicitar que a Xunta de Galiza decrete o peche do marisqueo por causa de forza maior establecendo compensacións ao sector. Declarando a paralización temporal de todas aquelas actividades nos bancos marisqueiros, a pé, a flote e a mergullo, e as actividades que teñan como destino fundamental do produto o sector da restauración ou non teñan saída por falta de demanda. Actividades que na actualidade non poden realizar con normalidade polas consecuencias provocadas polas medidas decretadas diante da crise sanitaria ocasionada pola Covid‐19.

2. Solicitar que a Xunta de Galiza poña en marcha medidas que garantan a seguridade nos barcos, e medidas dirixidas a garantir unha saída comercial do peixe que se descarga nas lonxas galegas.

3. Solicitar ao Goberno do Estado que rebaixe o limiar para poder acceder ás axudas por peche, en tanto que co limiar do 75% moita xente vai quedar fóra, aínda que este mes que acaba de comezar vai ter cero ingresos, e que no mes pasado tiveron unhas perdas moi importantes.

4. Solicitar que a Xunta de Galiza poña en marcha axudas para garantir a actividade das confrarías.

5. Solicitar que a Xunta de Galiza reclame as modificacións que sexan necesarias para axilizar o uso dos fondos que veñen da Unión Europea, incluída a demanda de fondos FEMP (Fondo Europeo Marítimo e da Pesca), para que as persoas afectadas poidan percibir axudas que lle permitan sobrevivir e garantir a plena salvagarda dos dereitos dos profesionais do mar de Galiza, ata que se se dean as condicións para desenvolver a actividade con normalidade.

 

 

O BNG busca unha saída socioeconómica xusta para o sector do mar