O BNG solicita actuacións na estrada noiesa que une a Barquiña e a Rasa
O deputado provincial do BNG, Xosé Luís Penas, visitou a parroquia noiesa de Santa Cristina para interesarse polo estado da estrada DP-5704 que une os cruces da Barquiña e da Rasa.
Acompañado polos representantes do BNG local, Ricardo Suárez e María Insua, así como dos presidentes das asociacións veciñais de Carracido e da Igrexa de Santa Cristina, Penas sinalou a necesidade de que o Concello de Noia faga unha proposta de mellora da seguridade viaria nesta estrada.
O deputado provincial asegurou o apoio por parte do grupo do BNG na Deputación para que os fondos provinciais poidan servir para desenvolver “unha actuación necesaria para mellorar a seguridade das persoas nunha zona moi transitada”.
Así, unha das cousas que destacou o representante nacionalista, foi a importancia de dar coherencia á sinalización de velocidade coa contorna do lugar. “Unha vez chegue a solicitude por parte do Concello de Noia, a deputación podería enviar aos técnicos de vías en cuestións de semanas para adecuar as velocidades permitidas á realidade desta estrada”.
O portavoz do BNG en Noia, Ricardo Suárez, anunciou que o seu grupo levará unha proposta ao próximo pleno da Corporación para solicitar ao Goberno municipal a redacción dun proxecto de mellora da seguridade viaria, “que inclúa a realización dunha senda peonil entre o cruce da Barquiña e o cruce da Rasa, e que outorgue aos dous núcleos de vivendas con maior densidade nesta estrada unha solución específica, como podería ser convertelos en núcleos de prioridade peonil”.
Tanto Suárez como Penas coincidiron na necesidade de comezar a dar pasos na realización desta actuación canto antes, e aseguraron o apoio do BNG á posta en marcha tanto no Concello como na Deputación. Iso si, insisten os nacionalistas, “a iniciativa debe partir do Concello de Noia para despois ser atendida e estudada polos técnicos da Deputación”.