CEIP Felipe de Castro
Esta semana presentouse, por parte do goberno local, e para o seu debate no pleno do vindeiro xoves 6 de agosto, unha moción sobre o pavillón polideportivo do CEIP Felipe de Castro.
O documento faise eco do lamentábel estado do actual pavillón do colexio, unha instalación que presenta tantas deficiencias que a duras penas cumpre co seu cometido.
A finalidade da moción é instar ao Concello de Noia a que se dirixa á Xunta de Galiza e solicite a construción dun novo pavillón. Alén disto, tamén se solicita unha entrevista co Concelleiro de Educación para acordar un calendario de actuacións no colexio, xa que a do polideportivo non é a única necesidade que precisa ser solventada de xeito inmediato.
No BNG somos coñecedoras de todas as deficiencias que presenta o centro, así como da urxente necesidade dun novo pavillón. Nos pasados meses tivemos a posibilidade de visitar o centro da man da ANPA, o que nos permitiu facernos unha idea exacta da situación. Trala visita comprometemos o noso apoio ás reivindicacións do centro.
Tamén somos coñecedoras de que o Concelleiro de Educación realizou, acompañado polo candidato do PP, unha visita ao centro, en plena campaña electoral municipal e dentro do horario lectivo. Sabemos que esa visita tivo lugar, porque foi amplamente pregoada na prensa. De compromisos para actuacións xa se sabe menos; e de obras concretas, nada.
Xustamente esta semana vimos de coñecer o anuncio, por parte da Xunta de Galiza, de inversións para melloras en 3 colexios da zona, entre eles o CEIP Felipe de Castro, por un importe total de 54.000 euros. Cremos que esta dotación económica é escasa a todas luces e só permitirá acometer melloras puramente cosméticas nos centros, co que os problemas de fondo nas instalacións seguirán aí.
Polo tanto, e como non podía ser doutra forma, anunciamos que votaremos a favor desta moción. Alén disto, e como historicamente ven facendo o BNG, defenderemos as melloras na escola pública en xeral, e as xustas reclamacións dos centros educativos públicos do concello de Noia, en particular.