Coloquio con Hassanna Aalia
Este martes tivo lugar na Casa da Cultura de Noia unha charla-coloquio organizada polo BNG e Galiza Nova de Muros-Noia, presentado polo responsable comarcal Manu García, no que se contou coa presenza do activista Hassanna Aalia, o subdelegado do pobo saharaui en Galiza, Mohamedu El Hiva, e a presidenta de Sogaps, Maite Isla, que viaxará nos vindeiros días aos territorios ocupados do Sahara en compada dunha delegación do Parlamento Galego da que formará parte a deputada e responsable da área de relacións nacionais e internacionais do BNG, Montse Prado.
Hassanna, que actualmente se atopa pendente dunha resolución da Audiencia Nacional sobre a súa solicitude de asilo, está condenador por un tribunal militar marroquí a unha pena de cadea perpetua tras participar en 2010 no campamento de protesta pacífico de Gdeim Izik, a 12 kilómetros de El Aaiún (Sahara Occidental).
Coñecido como o Campamento da Dignidade de El Aaiún, foi asaltado violentamente por Marrocos, causando un bo número de mortes, feridos e desaparecidos, tal e como denunciaron tanto os propios saharauis como as organizacións pro Dereitos Humáns que traballan na zona.
Paralizada a expulsión de Hassanna en tanto non se resolve a súa solicitude, de non aceptarse esta en virtude do convenio de extradición entre España e Marrocos Hassana veriase obrigado a voltar á súa terra, o que supón un grave risco para a súa persoa. Como sinalou o subdelegado dos saharauis en Galiza, obter o estatuto de refuxiado político non é un privilexio, é un drama.
O pobo saharaui vén sendo vítima do esquecemento por parte da ONU e do goberno español. Hassanna e o subdelegado do pobo saharaui en Galiza denuncian as graves violacións de Dereitos Humanos que se viven no Sáhara de mans do goberno marroquí e o bloqueo informativo existente.
Pola súa banda, Maite Isla apelou á colaboración en todos os eidos, mais recalcou a importancia da actuación a nivel político para lograr a auto-determinación saharauí, así como a necesidade de colaborar co financiamento tanto do programa Vacacións en Paz como noutras necesidades. A este respecto, a voceira do BNG no Concello de Noia recordou que dita formación solicitou a colaboración do Concello co campamento de Tinduf tralas riadas·sendo o silencio a única resposta obtida.
Beatriz Caamaño, delegada da bisbarra Muros-Noia de Sogaps fai un chamado ás familias da zona para que participen na acollida de nenos e nenas saharauis a través do programa Vacacións en Paz, nomeadamente nos concellos de Noia e Porto do Son, nos que se precisan familias acolledoras para este verán.