Conversa cos veciños da Urbanización Isla Esmeralda do noso voceiro municipal

69456250_109057323806266_1971248431036891136_n
Edificio Isla Esmeralda
Mañá ás 10h da mañá terá lugar na que estarán presentes representantes dos veciños da urbanización "Isla Esmeralda", dos técnicos do concello e dos grupos políticos locais. O BNG de Noia cree que os grupos políticos deben servir de altofalante para que os veciños podan expresar e denunciar os seus problemas. Por ista razón, o noso voceiro recibiu aos veciños co ánimo de manter unha conversa con eles e deste xeito facer posible que a súa voz sexa exposta para a toda a veciñanza.
Conversa cos veciños da Urbanización Isla Esmeralda do noso voceiro municipal

Cando adquirides os pisos? 

A compra dos pisos prodúcese a partir do ano 2007/08, aínda que non todos os veciños entraron ese ano. Xa na primeira reunión dámonos conta de que falta moito do equipamento básico coma por exemplo os extintores do garaxe ou o non funcionamento dos extractores de fume, feito non compatible coa habitabilidade do edificio en palabras da Consellería de Industria. Tras as queixas comézase a colocar métodos de extinción ou a toma de auga, da que tamén se carecía nun principio. Unhas das cousas máis sorprendentes foi o feito de que o bloque 3 non tiña puntos de luz, que posteriormente se tiveron que poñer na fachada pola imposibilidade de poñer postes para as luminarias fóra do período de obra; tampouco se contaba con acceso para persoas con mobilidade reducida aos garaxes.

Como comezan os problemas?

Xa nos primeiros momentos tras ocupar a vivenda comezan a aparecer humidades por moitos dos apartamentos. E veciños que se queixaron neste momento aínda non viron atendidas moitas das súas queixas. O agravamento destes problemas xerou, xa dende un primeiro momento, grandes custes para os veciños como por levantamentos do parqué. Outro dos problemas que tivemos algúns dos veciños foi o feito de que nin as vivendas se axustaran ao plano oficial á hora da venda.

No ano 2008 con motivo do fenómeno atmosférico Klaus, uns caperuzos voaron por mor da falta de suxeición provocando grandes oco na cuberta que en lugar de ser arranxada tan só foi entrampada cunhas tellas. Isto provocou maiores humidades e filtracións no interior do edificio e danos nas lousas, deficiencias de construción que provocan gastos para a comunidade. 

O garaxe non ten placa, nin altura mínima e moitas gretas non cubertas por máis que un recebo. A vía de escape de lumes ten partes de goma pintada. Non entendemos que se dera un certificado de habitabilidade sen mirar nada disto, por iso queremos coñecer a versión de quen o deu.

Cando e por qué decidides comezar a loita conxunta?

Dende que ocorreron as primeiras deficiencias vimos como as nosas demandas non foron atendidas. Nun primeiro momento fixemos un primeiro intento de facer unha demanda e estas se intentaron botar abaixo por parte da promotora con sinaturas falsificadas dalgúns dos veciños. Nunha segunda reunión, con todos presentes, puidemos interpoñer unha denuncia recorrendo a avogados de fóra e a través dun cambio de xestoría para evitar a posibilidade de que ocorresen conflitos de intereses. 

Nunca pensamos que a magnitude dos problemas chégase a tal punto, pero hoxe vémonos cun bloque de 50 vivendas de 11 anos de antigüidade que é unha verdadeira desfeita, ata o punto de existir pilares con orificios tales que se poden cruzar dun lado a outro coa man. Ante esta situación non nos queda outra que loitar por todas as vías polos nosos dereitos. As promesas falsas durante dous anos de que se ían a arranxar os problemas tan só xeraron gastos para a comunidade e dificultades para á hora de levar a situación a xuízo.

Cales foron os problemas máis importantes dende a compra do edificio?

O maior dos problemas foron as inundacións no garaxe que supuxeron ter funcionando dúas bombas de achique e tendo incluso que chegar a chamar aos bombeiros, co gasto que isto supón para os veciños, afectando tamén a ascensores, trasteiros, mobiliario, paredes, obxectos persoais... As bombas de achique que en teoría eran da comunidade están nuns terreos alleos que pertencen á promotora.

As instalacións eléctricas tamén tiveron que ser arranxadas posto que foron mal instaladas dende un comezo. Outra das consecuencias son a falta de lecer e descanso por ter que estar facendo gardas para achicar auga durante días e días para que os problemas non foran a máis.

As instalacións eléctricas e de extracción de fumes das vivendas tampouco compren a normativa xa non son independentes de cada piso senón que teñen conexións entre propietarios xerando problemas e malestar. Vese claramente que isto se fixo deste xeito para facer un aforro neglixente nos materiais. Nos poucos arranxos que se fixeron estiveron a cobrar cartos en negro e incluso teñen feito algúns arranxos sen o pedir para despois pedir os cartos. A mala calidade das paredes tamén provoca que se escoite a actividade dos veciños de xeito moi esaxerado, especialmente a dos baños. Estas mesmas paredes están cheas de humidades, os zócalos do edificio negros, levántanse tarimas que hai que repoñer... Os problemas son tan numerosos que se complica a súa enumeración.

Que problemas foron levados a xuízo?

A pesar da gran cantidade de problemas, na primeira denuncia incluímos os 64000 euros que tivemos que gastar para o arranxo do garaxe, as vivendas e a fachada. Nas vivendas levouse a cabo o arranxo dos problemas tras o xuízo, pero despois resultaron ser apaños temporais e os problemas volveron a aparecer.

Como transcorreu o xuízo?

O xuízo gañámolo, pero a execución da sentencia, que inclúe o arraxo dunha parte da fachada, non se está a levar a cabo, e o pouco que se fixo están sendo parches que non arranxan nada de base. Conseguimos que se lle embargaran algunhas das propiedades súas, pero a día de hoxe segue sen ter efecto a sentencia.

Tras o xuízo, volvedes a ter problemas novos, cales son e como vos decatades?

Un día, sen máis, avisan de que se separen os coches que están na rúa polo perigo de desprendemento de dúas lousas da fachada de 80 quilos cada unha. Un traballador da promotora sen aviso nin protección intenta aseguralas con parafusos pero estas caen. Non entendemos que o Concello sancione a Comunidade porque nos van a caer unha lousas pero deixen facer un intento de arranxo sen seguridade ningunha. Nese momento pasa alguén e pode quedar no sitio. 

Xa dous anos antes se avisara de que se moveran algunha das lousas desa zona, o único que se lle fixo foi aplicar un pouco de silicona, e así estamos. O feito de que non se pagarán os pagar os andamios obrigounos a nós a facer novos gastos, sen embargo logo a empresa quixo usalos, mais nós negamonos.

A raíz disto faise unha reunión ante este problema e acordase facer un peritaxe, mentres que a única preocupación da promotora e se vai ser outra vez denunciada. Collía un brazo entre a lousa e a fachada e había ferros saíntes da fachada, lousa pousada na parede sen ningún tipo de suxeición, unha situación de alta peligrosidade que supón unha derrama de 1200 euros en pago único para cada vivenda que xunto aos gastos derivados da hipoteca e outros problemas deixa a moitas familias pendendo dun hilo. O perito indicou que se notaba que eran defectos de construción claramente motivados polo aforro nos materiais utilizados.

Hai que facer unha reparación de toda a fachada xa que polo efecto da forza das lousas están todas afectadas. O noso problema é que xa non sabemos a quen denunciar, hai tal falta de control pola administración e de empresas contratadas que vemos moitos culpables dunha mesma situación.

Cales foron as consecuencias ata o momento?

Pode que a comunidade a día de hoxe dispuxera de cerca de 90000 en total entre avogados, peritos, derramas... Cada bomba supón 800 euros, que soen avariarse, e despois suma o que costa tela funcionando... Pasamos moitas noites achicando auga para que non chegase os ascensores, e moita xente ten ido para o traballo sen durmir...

En teoría cando se remate o arranxo do garaxe que o promotor ten que levar a cabo como lle manda a sentenza e que lle obriga a meter un inxectado para evitar filtracións de auga esperemos que se reduzan os custes, pero temos moito medo de que non sexa así e ter que comezar o proceso de novo para que se adopten as solución que o noso perito indicaba.

Logo ademais temos os problemas individuais que varían dunha vivenda a outra... Hai familias que tiveron que afrontar ademais dos gastos comúns, arranxos individuais de cerca de 5000 euros, sumándolle que son vivendas de protección oficial e que case todos seguimos coas nosas hipotecas. Se a iso lle sumamos situacións de desemprego, imaxina. Tamén hai nenos con problemas de asma xerados e/ou incrementados polas condicións desfavorables. 

Pensades na venda das vosas vivendas?

Pensa tamén en quen vai querer agora comprar estas vivendas... Ademais, tampouco se nos advertiu de que teríamos que esperar 13 anos para vender ao ser vivendas de protección autonómica e non estatal que son 10. Neste caso nós temos que cumprir coa lei, pero non se compren unhas esixencias legais con nós. Tampouco entendemos coma despois de moitas construcións que teñen tido problemas no Concello de Noia, se seguen certificando obras que despois volven a ter problemas e moitas veces repetíndose os responsables, xa que se pode extinguir unha sociedade promotora e crear unha nova. Se hai cartos para facer unha obra nova no presente, ten que haber para pagar as custas do que se fixo mal no pasado.

Que perspectiva tendes de cara o futuro?

Se temos que saír a rúa máis veces para que se nos escoite, farémolo. E se hai que facer ruído nas redes sociais ou onde sexa seguiremos a facelo. Temos o apoio de partidos políticos, vivenda e solo, valedor do pobo e de moitos veciños que entenden a nosa problemática e que tamén afecta a outras comunidades. Temos boas expectativas porque no mes que levamos mobilizándonos semella que a xente nos comeza a escoitar e axudarnos. Isto fai que comecemos a ver a luz do problema, denunciaremos a que haxa que denunciar e por primeira vez en moito tempo temos pensamentos positivos sobre o futuro.

Conversa cos veciños da Urbanización Isla Esmeralda do noso voceiro municipal