Derrubo do antigo estaleiro de Abruñeiras

Estado actual
Derrubo do antigo estaleiro de Abruñeiras

CANDO PENSA O GOBERNO LOCAL DERRUBAR AS ANTIGAS INSTALACIÓNS DO ESTALEIRO DE ABRUÑEIRAS?

No Pleno extraordinario que a Corporación Municipal de Noia celebrou o día 9 de abril do ano que andamos acordouse, entre outras cuestións, a aprobación do expediente de concesión de crédito extraordinario número 2/2015, que tiña por obxecto o de dotar orzamentariamente unha serie de actuacións de diversa índole, acadando o monto total das mesmas a contía de 557.933,60 euros, procedentes do remanente positivo de tesoureira do exercicio económico de 2014.

Estado actual

Entre as actuacións comprendidas no citado expediente estaba o da demolición das instalacións do antigo estaleiro de Abruñeiras, orzamentada en 97.734,30 euros. As citadas instalacións son un conxunto de naves dunha superficie construída de 906,40 metros cadrados, composto por un galpón principal con cuberta a dúas augas, dúas naves acaroadas á anterior nas súas fachadas laterais con cuberta a unha auga, un depósito e un transformador. A estrutura dos edificios está conformada por zapatas, muros, piares e vigas de formigón armado, cerchas e correas de formigón prefabricado.

Estado actual

Atendendo as demandas da veciñanza da contorna do antigo estaleiro, o anterior Goberno Local puxo en marcha un expediente dos denominados do “deber de conservación”, a fin de que a propiedade procedese a amañalo. Concretamente, esixíaselle o peche das instalacións (reposición de portais e outros ocos para evitar o acceso libre ao seu interior). Froito do diálogo establecido entre a administración local e a propiedade, esta última decide ceder gratuitamente as citadas instalacións ao Concello, a fin de que o mesmo fixese con elas o que mellor considerase (lembrar que as instalacións estaban levantadas sobre terreos de dominio público e que no seu día foran obxecto da correspondente concesión administrativa a favor dos propietarios do estaleiro, concesión á que agora tamén renuncian).

Estado actual

Tendo en conta a situación urbanística do antigo estaleiro (incompatible coas determinacións da Lei de Costas do ano 1988, incompatibilidade coas Normas Subsidiarias de Planeamento Municipal de 1991, e mesmamente co Documento de Aprobación Provisional PXOM, ao formar parte, o citado ámbito, do Sistema Xeral de Espazos Libres), acórdase elaborar un proxecto técnico para a súa demolición e a devolución ao estado natural a toda a contorna. Nin que dicir ten que todo isto contou e conta co visto e bo da Demarcación de Costas do Estado, e tamén do Departamento de Costas dependente da Xunta de Galiza.

A que agarda entón o actual Goberno Local para materializar o citado acordo? A que agarda para atender as demandas da veciñanza do Monte da Pinga, o Cruceiro de Barro, Abruñeiras, etc., en definitiva a que agarda para liberar ao litoral de Noia dunha instalación a todas luces incompatible co mesmo, e a súa recuperación para totalidade da veciñanza do municipio? Desde o BNG demandamos xa que logo, a execución do acordo citado e a demolición das instalacións do antigo estaleiro de Abruñeiras.

Derrubo do antigo estaleiro de Abruñeiras