Valoración de Irati García respecto do proxecto de intervención no esteiro de Noia
Irati García Tomé celebra o anuncio feito público no día de hoxe por parte da Administración Galega, respecto do proxecto que están a confeccionar de xeito conxunto coa Administración Xeral do Estado (Portos de Galicia e Costas do Estado) de saneamento do esteiro interior da ría de Noia.
A pesar de que a valoración inicial é positiva, desde o BNG queremos facer unhas reflexións acerca do anuncio efectuado, todas elas centradas tanto na oportunidade da actuación como no xeito da súa materialización en termos de concepción democrática do funcionamento das administracións públicas.
A primeira que queremos salientar é o total descoñecemento que sobre o particular ten a administración local, que aínda recoñecendo que non ten competencias sobre o medio onde se vai a actuar, tiña que estar plenamente informada desde o inicio do trámite da redacción do proxecto por si entendía oportuno facer as achegas que considerase necesarias.
A segunda é insistir no debate xa dado, precisamente arredor do mesmo tema que non é outro que o de aclararmos si só falamos dunha intervención de orde estética, ou dunha que realmente ataque de xeito frontal o problema que agora mesmo está a sufocar ao sector marisqueiro. A contaminación da ría e a colmatación de lamas, que avanzan de xeito inexorable sobre os bancos marisqueiros. Non queremos obras no esteiro da ría de cara á galería, queremos unha intervención responsable por parte das administracións que teñen a competencia sobre o ámbito en cuestión.
A última reflexión é de concepción democrática da vida pública: o anuncio desta intervención coincide coa precampaña electoral municipal: vai o candidato do Partido Popular patrimonializar dita intervención, dicindo, coma xa dixo ante un grupo de empresarios noieses, que si nos votades a nós isto vaise a executar. E si resulta que o Partido Popular no acada a Alcaldía de Noia, como seguro sucederá, Portos de Galicia e Costas do Estado van a manter a realización de dita intervención? Estamos ante un claro exemplo de corrupción política, cal é o do reparto arbitrario de fondos públicos en función da cor partidaria de quen goberna en cada momento. Práctica que se puxo en marcha co pacto constitucional de 1978 e coa que hai que rachar, enterrando de xeito definitivo o sistema nado co texto constitucional do ano que sinalamos.