AFOGAN AO SECTOR CON PREZOS IRRISORIOS

Sobre o inicio da campaña marisqueira

Sobre o inicio da campaña marisqueira

O BNG da comarca de Muros-Noia quer expresar a sua preocupación pola evolución e marcha desta campaña marisqueira nos bancos da nosa ría, marcada fundamentalmente por unha sucesión de prezos á baixa desde o comezo da mesma. Queremos amosar tamén a nosa solidariedade co sector de mariscadoras e mariscadores que ven como o proveito do seu traballo lle é sustraído descaradamente polas empresas comercializadoras.

Non se pode permitir que un produto de máxima calidade, como é o berberecho dos nosos bancos, sexa tratado e valorado á hora da sua compra na lonxa como se fora o doutros lugares cuxa calidade e categoría son incomparábeis. O noso berberecho cando chega aos consumidores, faino con prezos ben altos e suculentos beneficios para quen o comercializa.

Desde o BNG entendemos que a esta situación arbitraria, abusiva e de indefensión para tantos homes e mulleres que procuran o sustento nesta actividade, urxentemente, hai que porlle término.

Reclamamos a necesaria “denominación de orixe” para o berberecho de Noia, que lle faga ocupar o lugar que lle corresponde e o recoñecimento da categoría que lle pertence.

Reivindicamos un prezo mínimo de comercialización que garanta unha mínima renda polo esforzo de extracción deste bivalvo, que dignifique tamén o traballo de tantos e tantas mariscadores e mariscadoras.

O BNG tamén aposta polo peche do ciclo produtivo (extracción, transformación e comercialización do produto pola propia confraría), co aporte do valor engadido, regulación máis racional desta actividade e a creación estábel de máis postos de traballo. En definitiva, esta é a solución de futuro para o sector e por ela hai que loitar.

Por último, facemos un chamamento ao goberno da Xunta de Galiza para que, en cumprimento das suas funcións e obrigas, se implique na resolución deste asunto. 

Sobre o inicio da campaña marisqueira