Charla sobre a Lei de Depredación
Trala manifestación contra a política forestal da Xunta e a Lei de fomento da implantación de iniciativas empresariais, máis coñecida como “Lei de Depredación de Galiza”, o pasado 3 de novembro celebramos en Noia unha charla-coloquio sobre estas cuestións, na que contamos con Pepe Maio, Secretario Comarcal da CIG-Compostela, e Fins Eirexas, Secretario Executivo de ADEGA.
A Lei de Depredación de Galiza como explicaron os convidades, insire catro cuestións transversais que explican tanto o contido da norma como a súa intención:
1) reduce os dereitos de información e participación cidadá;
2) socava as competencias dos concellos abusando da supramunicipalidade automática na tramitación de proxectos e intervén sobre o chan rústico, mesmo o especialmante protexido, para permitir determinados aproveitamentos á marxe do PXOM;
3) atenta contra a propiedade da terra introducindo un profundo desequilibrio na mesma. Veciñanza e comunidades de montes verán como as empresas usurpan dereitos de propiedade e fan valer o seu “interese público” para expropiar terras. Os expedientes de expropiación tramitaranse por xunto cos proxectos empresariais, que xa contan coa utilidade pública e a prevalencia desta sobre calquera outro dereito. Trátase de facilitar a determinadas empresas o acaparamento de terras para desenvolver o seu negocio privado cun procedemento non moi diferente a unha requisa;
4) consagra un agravio comparativo con privilexios para unha casta empresarial.
Esta lei, que non conta nin co apoio da oposición nin da sociedade, tamén se atopou coa oposición do BNG no Parlamento por ser unha norma que incide na desregulación, arbitrariedade, desequilibrio territorial, boicot aos montes comunais, desprotección ambiental, redución da participación pública, baleirado competencial, afasta aos concellos, veciñanzas e colectivos desvinculando á sociedade da custodia dos territorios, afonda na incineración, abre a porta a biomasa non tradicional e privilexia a eucaliptización. Motivos todos eles para rexeitar esta lei que deixa a Galiza como unha colonia en mans dos intereses dunhas poucas empresas.
Ligazóns de interese:
https://www.youtube.com/watch?v=rOreTEUc7tk
https://www.youtube.com/watch?v=9djNPFAq6Sw
http://adega.gal/novas.php?id=656&idioma=gl&sec=7
http://www.bng.gal/articulo/novas/noa-presas-cualifica-depredadora-lei-iniciativas-empresariais-pide-sua-retirada/20171017143406020902.html