Podas agresivas
O BNG denuncia a “poda” agresiva á que están sendo sometidas as árbores de distintas zonas da vila e esixe a súa paralización inmediata.
O barrio de San Lázaro hai escasos días atopábase vestida de cores outonais grazas aos liquidámbares situados na zona. Até que o Concello deu orde de realizar unha poda que deixou mutiladas estas árbores ante a sorpresa e desagrado dos veciños. O mesmo aconteceu na contorna da igrexa de Santa María A Nova, sede do Museo das Laudas Gremiais, concretamente na rúa de Santísima Trinidade, onde os veciños saian aos portais e ventanas para observar impotentes como se está aproveitando a corta dos pradairos que se atopan arredor do muro do cemiterio, para facer leña que os operarios contratados externamente van apilando na beirarrúa, sen ter moi claro cal será o seu destino. Nestes días o mesmo veu acontecendo noutras zonas da vila.
O BNG unha vez feitas as consultas pertinentes, vén de coñecer que estas mal chamadas podas tan agresivas, son innecesarias salvo que as árbores teñan algunha enfermidade, alén de están realizadas fóra do tempo indicado para realizar as mesmas, podendo causar danos irreversibles en ditas árbores.
Asimesmo, unha recente plataforma veciñal que centra a súa actividade na defensa ecolóxica da nosa contorna natural, dirixiuse ao Concello instando á paralización destas podas. Tamén veciños a título particular tentaron contactar coa Concellería de Medio Ambiente, negándose a titular da mesma a dar resposta de ningún tipo. Non podemos mais que denunciar este comportamento tan impropio de quen está nun cargo público ao servizo da veciñanza.
Desde o BNG sumámonos a esta esixencia de que se paralicen con carácter inmediato estas podas, ademáis de dirixir as preguntas pertinentes para a súa resposta no vindeiro pleno. Queremos coñecer o motivo desta poda tan salvaxe, o seu custe e cal será o destino desa leña que vemos facer coas nosas árbores.