COMUNICADO

Sobre o acontecido nos pasados días arredor de "La Feria"

Sobre o acontecido nos pasados días arredor de "La Feria"

Seguramente propios e extranos no día de onte acudistes aos muros dos concelleiros e grupos da oposición para saber da comisión informativa que instamos que se celebrara para que nos foran resoltas determinadas dúbidas arredor da organización de "La Feria" no noso pobo.

Froito da rolda de prensa dos concelleiros do NOIA hai uns días, trasladouse de xeito interesado e irresponsable á opinión pública noiesa a idea rotundamente falsa da culpa do aprazamento de "La Feria" por parte da oposición, que se limitou a cumprir coa súa obriga de control da actuación do Concello. En dita rolda de prensa, presentouse ademais dito acto de fiscalización coma unha anomalía que agochaba intencións de causar dano e perxudicar económicamente á vila e por extensión causar un perxuízo á veciñanza. Sabede que dende a oposición facemos preguntas e accedemos a expedientes de xeito constante, normalizado e sobre múltiples e variados temas e asuntos, e non temos obriga de xustificarnos por dita fiscalización nin podemos consentir que se nos faga actuar ou detraernos de actuar por presións, nin internas nin externas. Non podemos convertir os mecanismos de control democrático en papel mollado, nin podemos convertir as prácticas irregulares no normal dentro das Administracións Públicas.

Con carácter previo á celebración de dita comisión, o BNG non tivo acceso a ningunha documentación (que logo soubemos non existía, o cal é canto menos anómalo) que lle permitise facer unha calificación sobre a actuación por parte do Concello en relación á organización de "La Feria", sendo dos primeiros sorprendidos ao ter a noticia de que o evento ía ser aprazado motivando dito aprazamento na suposta inseguridade xurídica xerada pola oposición, tal e como trasladou o concelleiro delegado, misturando novamente de xeito interesado a solicitude de parte da oposición de información con determinadas manifestacións realizadas nas redes de contido nada agradable.

Rexeitamos este xeito de proceder dos concelleiros do NOIA, que interesadamente trataron de eludir a súa responsabilidade e que con ditas informacións interesadas e sesgadas alimentaron un clima de crispación que tivo o seu reflexo nas redes sociais, sendo vítimas uns e outros de insultos e acusacións que nalgúns casos poderían mesmo ter carácter delictivo. Soubemos tamén que mesmo persoas concretas sufriron ataques nos seus vehículos. Dende o BNG amosámonos contrarios a este tipo de actos e esiximos respecto tanto para os membros da Corporación coma para quen pudera verse afectado polos mesmos. Todos somos veciños e temos familias que poden sentirse afectadas, así que, por favor, mesura, sentido común e respecto.

Debemos aclarar que se ben é coñecido por todos a celebración de dita comisión, as normas non permiten que fagamos público todo o falado na mesma. Mais trasladámosvos a conclusión: as cousas non estaban ben feitas, e a responsabilidade recae no xestor, que é o concelleiro correspondente, así como en quen ten delegadas as funcións nel, o Alcalde.

Se ben en todas as edicións pasadas o BNG se amosou crítico con dito evento, que consideramos pode ter moitas outras temáticas, non pretendemos que non haxa eventos festivos que atraian xente ao pobo e xeren actividade económica. O argumento contrario, sostido por moitos, é falso á par que absurdo. E os feitos demostran que se ben podemos ser críticos e dar voz á xente que ten opinións diversas, sempre respectamos as actividades e eventos que se organizan ou contan con apoio do Concello.

Dito isto, coidamos que o acontecido debe ser o inicio dun cambio na concepción por parte de moitos do que é o Concello e de como deben funcionar as cousas. E que cando hai boa vontade, é posible mudar as cousas a mellor. E ben sendo o momento.

Sobre o acontecido nos pasados días arredor de "La Feria"