SOLICITAMOS QUE O CONCELLO COLABORE COS PROPIETARIOS FORESTAIS

Limpeza de fincas

catastro
Limpeza de fincas

O pasado 28 de decembro o Goberno da Xunta de Galiza aprobou modificacións na Lei 3/2007 de prevención e defensa contra incendios forestais de Galiza. Estes cambios afectan, entre outros apartados, ás redes de faixas secundarias; é dicir, á xestión da biomasa vexetal arredor de núcleos habitados, vivendas illadas, fincas…etc. 

A xestión da biomasa vexetal á que se refire a norma debería terse realizado antes do 31 de maio (anteriormente era antes do 30 de xuño) e en caso de ser requirido, o propietario dispón por Lei dun prazo de 15 días prorrogable en casos debidamente xustificados. A obriga de rozar o terreo é do propietario e poderá contratalo ou elixir o sistema que considere oportuno. 

No noso concello detéctase un atraso na execución dos traballos requiridos pola norma, atraso que entendemos, en moitos casos, achacable á falta de información e/ou á confusión xerada polas informacións recibidas a través dos medios de comunicación. Alén disto, consideramos que nalgúns casos pode non ser doado para os propietarios dos terreos determinar o límite dos núcleos e, polo tanto, a extensión das faixas sobre as que se debe actuar. Coma en tantas outras partes do noso país, a estrutura da propiedade forestal do noso concello, está formada por pequenos propietarios que posúen varias parcelas de pequeno tamaño. Nas últimas décadas vense detectando un abandono do aproveitamento forestal, acompañado en moitos casos dun descoñecemento das xeracións máis novas da localización do patrimonio forestal familiar. 

Tampouco debemos esquecer que o noso concello linda cunha das parroquias que o PLADIGA define como de alta actividade incendiaria para o ano 2018 (San Pedro de Tállara, Lousame) polo que consideramos que se debe extremar a precaución nos nosos montes.

Por todo isto, solicitamos que o Concello de Noia poña a disposición dos propietarios forestais cartografía de detalle dos diferentes núcleos do concello na que se delimiten as faixas que define a Lei con indicación do tipo de traballos que deben efectuarse en cada unha delas. De igual xeito cremos convinte que se leven a cabo charlas informativas nas diferentes parroquias rurais para explicar á veciñanza os diferentes aspectos da norma e as consecuencias que pode ter o seu incumprimento

Limpeza de fincas