ADEMAIS DA DECLARACIÓN INSTITUCIONAL CONTRA ESTA SITUACIÓN, O BNG DEMANDARÁ MEDIDAS CONTRA A HOMOFOBIA E A DISCRIMINACIÓN.
O BNG impulsará unha declaración institucional condenando os abusos sufridos por un Garda Civil destinado en Noia
Nas últimas horas vense de coñecer publicamente a condena de 4 Gardas Civís por realizar abusos a un compañeiro mediante insultos homófobos e vexacións. O BNG entende que é necesaria unha reacción urxente de condena por parte da Corporación municipal.
Logo de ser coñecida a condena de 4 Gardas Civís destinados en Noia polo trato vexatorio e os insultos vertidos cara un compañeiro que padeceu consecuencias psíquicas graves que o mantiveron de baixa de servizo, o BNG instará á realización dunha xuntanza urxente da Comisión de Igualdade do municipio co obxecto de realizar unha declaración institucional de condena sobre o acontecido.
Dende o BNG sinalan que os abusos acontecidos a un axente no seo da Garda Civil de Noia entre 2010 e 2014, nun proceso xudicial que remata 7 anos despois, deberían facernos reflexionar sobre o moito que temos que mellorar aínda como sociedade.
Do mesmo xeito, cualifican de terrorífico que este tipo de conductas discriminatorias estean normalizadas en determinados círculos da nosa sociedade, pero moito máis que ocorra nun corpo cuxa función é a de velar pola seguridade cidadá.
Ademais, os nacionalistas entenden que é inadmisible a pasividade por parte dos superiores da vítima e a nula intervención da institución para evitar que a situación seguise afectando á persoa que estaba a sufrir, así como o feito de que unha vítima teña que sufrir consecuencias psíquicas graves e ver a súa carreira profesional paralizada por 7 anos ata o momento no que remata o proceso xudicial.
A sentenza tamén sinala como “os desprezos por parte dos seus compañeiros cara á vítima estendéronse pola localidade costeira galega” e recolle dous exemplos que demostran como o acoso sufrido polo axente non se produciu só no cuartel, polo que dende o BNG intentará que a reunión da Comisión de Igualdade municipal sirva tamén para afondar en medidas de prevención contra a homofobia en particular e contra a discriminación en xeral.