O BNG solicita o cumprimento do acordo de condena dos abusos sufridos por un Garda Civil destinado en Noia
A comisión municipal de Igualdade adoptou en novembro a decisión de dar lectura a unha declaración conxunta da Corporación cando a sentenza fose ratificada
Nas últimas horas vense de coñecer a ratificación por parte do Tribunal Supremo da condena de catro Gardas Civís por realizar abusos a un compañeiro mediante insultos homófobos e vexacións. O BNG, en novembro, despois da sentenza en primeira instancia, solicitou o tratamento deste tema de forma urxente na comisión municipal de Igualdade, onde o grupos acordaron dar lectura a unha declaración conxunta da Corporación unha vez a condena fose ratificada polo Supremo.
Logo de ser coñecida dita ratificación, que acredita que catro Gardas Civís destinados en Noia realizaron un trato vexatorio e proferiron insultos continuados ao seu compañeiro, quen padeceu consecuencias psíquicas graves que o mantiveron de baixa de servizo, o BNG instará ao cumprimento do acordo da Comisión de Igualdade do municipio co obxecto de realizar unha declaración conxunta da Corporación en condena do acontecido.
Desde o BNG sinalan que estes abusos no seo da Garda Civil de Noia entre 2010 e 2014 recollidos nun proceso xudicial que remata oito anos despois deberían facernos reflexionar sobre o moito que se precisa mellorar en materia de Igualdade.
Do mesmo modo, cualifican de espantoso que este tipo de conductas discriminatorias estean normalizadas en determinados círculos da nosa sociedade, ao tempo que subliñan como especialmente preocupante que acontezan nunhas forzas de Seguridade cuxa función é a de velar pola seguridade cidadá.
Ademais, os nacionalistas entenden que é inadmisible que procesos xudiciais coma este non sexan resoltos de forma máis rápida, tendo a vítima que agardar por oito anos á sentenza firme mentres sofre consecuencias psíquicas graves e ve a súa carreira profesional truncada.
A sentenza sinala que “os desprezos por parte dos compañeiros cara á vítima estendéronse pola localidade costeira galega” e recolle dous exemplos que demostran como o acoso sufrido polo axente non se produciu só no cuartel, polo que desde o BNG reiteran a necesidade dunha resposta desde as institucións que sirva tamén para afondar en medidas de prevención contra a homofobia en particular e contra a discriminación en xeral.