AS CORPORACIÓNS DOS TRES CONCELLOS APROBAN A PROPOSTA DO BNG
Brión, Muros e Noia piden unha asemblea da Mancomunidade Serra do Barbanza
As corporacións de Brión, Muros e Noia veñen de aprobar, na última semana, unha proposta para que o presidente da mancomunidade Serra do Barbanza, convoque unha asemblea co fin de solicitar formalmente a axuda da Deputación da Coruña no desenvolvemento do seu modelo de xestión.
A proposta, levada ás sesión plenarias polo BNG, contempla a colaboración co ente provincial para levar a cabo estudos de viabilidade da planta e a redacción dos novos pregos de contratación, no contexto da expiración do contrato coa actual concesionaria en 2023.
Os nacionalistas sinalan a necesidade de que se coñeza con exactitude a situación financeira do entre supramunicipal para poder abordar a posible inclusión de novos membros.
Concellos como Ames, Outes ou Rianxo, teñen manifestado o seu interese de participar do modelo de reciclaxe da planta de Servia, máis, para que iso fose posible, é imprescindible coñecer as condicións de adhesión e as posibilidades de dimensionamento da planta lousamiá.
O texto redactado polos nacionalistas tamén explora a colaboración provincial para a mellora de equipamentos na planta, comezando pola máquina volteadora, tan solicitada polo persoal do complexo, para mellorar a eficacia no tratamento do lixo orgánico.
Desde o BNG sinalan que xa teñen mantido contacto coa Deputación e, aseguran a disposición desta institución a prestar axuda sempre e cando sexa a propia mancomunidade quen a solicite, de aí a importancia da aprobación desta moción para que se convoque a asemblea xeral, único órgano que podería aprobar esta petición.
A responsable da formación nacionalista na Xunta Reitora do ente supra municipal, María Lago, afirmou que “aínda que a moción vai ser rexistrada tamén nos concellos de Porto do Son, Carnota e Lousame, agardamos que a premura na reacción do presidente da mancomunidade, o socialista Juan Manuel Saborido, alcalde de Carnota, para convocar a asemblea, faga innecesario o seu debate en máis sesións plenarias”.