Circos con animais
Tristemente Noia volta ser escenario dun espectáculo circense que utiliza aos animais como reclamo.
No pleno ordinario do mes de marzo o BNG de Noia defendeu unha moción a proposta de veciños e veciñas que nos tiñan trasladado esta inquedanza para que o noso concello, como xa o fixeran un bo número deles en toda Galiza, fora declarado libre de espectáculos circenses con animais.
As votacións non sorprenderon, pois o PP votou en contra da proposta, que xunto coa abstención do NO.I.A. provocou que a proposta non saira adiante. Menos mal que o señor Alcalde é veterinario!
Curiosamente aquel mesmo día o propio Consello da Xunta viña de anunciar a aprobación dun Anteproxecto de Lei de benestar e protección dos animais de compañía en Galicia, cuxo artigo 9, entre outras prohibicións recolle a do Emprego e tenza de animais silvestres en circos, obviando as touradas, por suposto, que se recollen no apartado de excepcións.
Lamentablemente Noia perdeu naquel momento unha boa oportunidade para eliminar esta lacra do noso Concello. Só se trata de ter vontade política, vontade para contribuir á eliminación do maltrato animal e á sensibilización por parte dos poderes públicos da cidadanía, e sobre todo dos nenos e nenas.
Non permitamos que se volvan a celebrar este tipo de espectáculos na nosa vila!