Néstor Rego interpela ao goberno do estado en relación á actuación na fachada marítima de Noia
O deputado nacionalista afirma que se ten cometido un triplo prexuízo (patrimonial, económico e viario) coa veciñanza de Noia, derivado da mala praxe na proxecto e na súa execución.
O BNG vén de rexistrar unha iniciativa no Congreso dos Deputados en forma de pregunta na que interpela ao goberno do estado en relación á actuación por parte de Costas denominada ‘Adecuación da fachada marítima de Noia’.
O deputado Néstor Rego resalta que o feito de que o proxecto técnico non incluíse a existencia no subsolo de toda unha serie de servizos básicos provocou a suspensión temporal e o atraso na execución da obra, así como que a consecuencia disto o Concello tivo que facerse cargo dunha importante parte do sobrecusto.
Ademais, para os nacionalistas, o proxecto que se está levando a cabo elimina gran parte da propia “fachada histórica” que se pretende adecuar, xa que diversos elementos patrimoniais, recollidos e protexidos polo ‘Plan Especial de Protección e Reforma Interior do Casco Histórico de Noia’ e que deberían ser postos en valor, son eliminados. O deputado sinala tamén que, tal e como sinala dito Plan, a Ponte de Noia é un “elemento que constitúe una peza importante na silueta e imaxe urbana xeral do casco histórico”, e que polo tanto non se entende o xeito do que se vai a actuar sobre a Ponte, que significará a perda total de visibilidade da mesma nun tramo de 30 metros.
A inadecuación do proxecto e falta de previsión no mesmo supoñen, en opinión do BNG, un triplo prexuízo. Patrimonial porque non ten en conta a conservación e posta en valor do patrimonio de Noia. E económico e viario, xa que, a necesidade de modificar o proxecto supuxo a paralización da obra, producindo uns problemas de tráfico e seguridade maiores que os que pretendía solucionar, e xerando un gran incremento nos custos, que, polo momento, tivo que asumir o consistorio municipal.
Por estes motivos, Rego pregúntalle ao goberno se Costas pensa revisar as consecuencias do proxecto, se tivo en conta no Proxecto o ‘Plan Especial de Protección e Reforma Interior do Casco Histórico de Noia’, e se se fará cargo dos custos das novas actuacións derivadas da reforma do proxecto así coma do reembolso das actuacións xa costeadas por parte do concello noiés.