O goberno non aplica as determinacións contidas no PEPRICH

O GOBERNO LOCAL DE NOIA QUERE IMPEDIR OU LIMITAR O PRINCIPIO DE ACCIÓN PÚBLICA NO EIDO DO URBANISMO LOCAL

O goberno non aplica as determinacións contidas no PEPRICH

Desde que se produciu a moción de censura que levou ao PP á Alcaldía de Noia, o concelleiro delegado da Área de Casco Histórico e Patrimonio, vén incumprindo de xeito sistemático o contido do artigo 24 da ordenanza municipal reguladora dos procedementos de intervención administrativa nos actos de uso do solo e do subsolo, ao non esixirlle aos promotores a instalación a pé de obra do cartel indicador no que teñen que facer constar os seguintes datos: número de licenza, órgano municipal de aprobación, características da obra, promotor, arquitecto, arquitecto técnico, coordinador de seguridade e saúde e empresa construtora.

Isto a pesar de que o Grupo Municipal do BNG fixo constar tal circunstancia mediante a formulación da correspondente pregunta no pleno ordinario do mes de marzo do presente ano. Van alá dous meses e as obras de rehabilitación que se están a executar na rúa de Galicia nº 6, rúa Rodríguez Cadarso, 10 e 12, e na rúa Carreiriña de Escultor Ferreiro nº 23, seguen o seu curso sen lucir nos seus exteriores a citada información.

A resposta do señor Bustelo Castaño, xa facía prever que tal obrigación non se ía facer cumprir, facendo gala dun total desprezo cara á legalidade urbanística en vigor.

A publicidade nas obras é cuestión sine qua non para que a cidadanía teña a axeitada información sobre as características das mesmas, a fin de que poidan exercitar os seus dereitos ao tempo de facilitar os actos de inspección que poida realizar a propia Administración.

Isto que agora denunciamos xa non é novo, cada vez que o Partido Popular ostenta a Alcaldía de Noia, supón a aplicación laxa das determinacións contidas no Plan Especial de Protección e Reforma Interior do Casco Histórico, a pesar de que o Alcalde, Santiago Freire, ten manifestado que entre os seus obxectivos está o coidado e preservación do Casco Vello da vila.

O goberno non aplica as determinacións contidas no PEPRICH