UNHA ACTUACIÓN QUE SUPUÑA UN INVESTIMENTO DE FUTURO PARA VALORIZAR O PATRIMONIO NATURAL E CULTURAL É DETURPADA POLO PAVIMENTADO.
Sobre o acontecido en Xei
A actuación sobre a senda do río Traba que leva á aldea abandonada de Xei supuña un investimento de futuro e totalmente xustificado para valorizar unha senda de extremado valor patrimonial. Poñer Xei no mapa, eliminar especies alóctonas na beira do río Traba, facer o camiño máis accesible a través de pequenas intervencións coidadosas ou crear material pedagóxico para as persoas visitantes son algúns dos obxectivos principais que se deberían perseguir e calquera pode estar de acordo cos mesmos. Valorizar o patrimonio e a natureza é máis que necesario.
Agora ben, o resultado da actuación non xera máis que estupefacción para o visitante. Descoñecendo cal será o resultado final, o avance actual da intervención non denota máis que unha clara falta de sensibilidade por parte do goberno local. A senda que leva a Xei, lonxe de mellorar, converteuse, en grande parte do seu trazado, nunha suma de saburras mal dispostas e que non son nin tan sequera homoxéneas.
As saburras, material xustificable nunha actuación como esta para compactar zonas concretas nas que se complica o paso pola irregularidade do terreo para despois ser cuberto por terra da zona, debe aplicarse do xeito máis sensible que se poda para diminuír o seu impacto estético e ecolóxico.
No caso do acontecido en Noia, substituíuse o emprego testemuñal e profesional deste material para mellorar as condicións do terreo pola conversión ao mesmo no protagonista dun pavimentado. Unha decisión facilmente criticable polo emprego de diversas calidades, tonalidades e compactados de saburra nunha soa actuación.
Sería ben triste que unha acción de valorización que podía ser aplaudida de xeito consensuado polo conxunto dos noieses e noiesas se convértese nun incomprensible erro que non merece esta contorna.