RICARDO SUÁREZ E MARUXA MARTÍNEZ DEFENDERON MELLORES CONEXIÓNS E MÁIS AXUDAS PARA A MOCIDADE.

BNG de Noia e Galiza Nova reclaman melloras no transporte

Rolda de prensa do BNG de Noia e Galiza Nova na estación de autobuses de Noia
Rolda de prensa do BNG de Noia e Galiza Nova na estación de autobuses de Noia
Ricardo Suárez, portavoz municipal do BNG, presentou a iniciativa que defenderá no pleno de outubro para instar á Xunta a mellora as conexións de Noia con Compostela e a comarca da Barbanza. Polo súa parte, Maruxa Martínez, responsable comarcal de Galiza Nova, lembrou as iniciativas parlamentarias do BNG para que extender as axudas á mocidade para o transporte colectivo ata os 30 anos.
BNG de Noia e Galiza Nova reclaman melloras no transporte

Ricardo Suárez, portavoz municipal do BNG, presentou a iniciativa que defenderá no pleno de outubro para instar á Xunta a mellora as conexións de Noia con Compostela e a comarca da Barbanza. Polo súa parte, Maruxa Martínez, responsable comarcal de Galiza Nova, lembrou as iniciativas parlamentarias do BNG para que extender as axudas á mocidade para o transporte colectivo ata os 30 anos.

 

Proposta de acordos do BNG á Corporación Municipal de Noia para instar á Xunta a mellorar as conexións de transporte colectivo de Noia e comarca:

Co obxecto de contribuír ao impulso do sistema de transporte público colectivo, a Xunta desenvolveu un primeiro proxecto de mellora do transporte nas sete principais cidades de Galiza. No caso de Santiago de Compostela, o primeiro convenio de colaboración para a implantación dun grupo de medidas de fomento do transporte público tivo lugar no ano 2006 e nel figuraban un total de oito concellos da área compostelá.
Posteriormente, no ano 2010, este convenio ampliouse a un total de once concellos. E, finalmente, en desenvolvemento do Plan de Transporte Metropolitano de Galiza, en novembro de 2020 , suma un total de 18 concellos que conforman a Área de Transporte Metropolitano de Santiago de Compostela (ATM).

Inexplicabelmente, o convenio de 2020 tampouco inclúe concellos moi próximos á capital galega que, ademais, levan anos solicitando formar parte da área metropolitana de Santiago. É o caso de Noia e a súa comarca, a zona de litoral máis próxima a Santiago que, a día de hoxe, padece numerosos problemas de mobilidade e falla de conexión en transporte público colectivo.

Na comarca de Muros e Noia existe un importantísimo número de persoas que se ven obrigadas a viaxar dende os diferentes municipios a Santiago por motivos laborais, sanitarios, de estudos ou de ocio e que contan cun servizo de transporte moi deficiente para poder facelo.

A poboación desta comarca leva anos reclamando unha mellora do servizo do transporte que a une á capital e dende todos os concellos vense poñendo de manifesto este problema. No caso do concello de Noia, a solicitude de tramitación para a adhesión á área metropolitana compostelá está aprobada dende o ano 2014.

O propio parlamento galego acordou unanimemente, no ano 2017, “iniciar un estudo para incluír a Noia na área de transporte metropolitano de Santiago”. A día de hoxe, en 2021, seguen a agardar pola inclusión, un feito que suporía para todos os veciños e veciñas da comarca un avance significativo en canto á mellora da oferta de servizos, aumentando a cantidade de viaxes diarias e a posibilidade de que máis viaxes sexan directas, polo corredor. Tamén en canto aos prezos, reducíndose dun xeito importante o custo do billete.

Por outra banda, a falla de conexión axeitada entre a comarca de Muros e Noia e a da Barbanza é o caso paradigmático do abandono e desidia por parte da administración e hai anos que é un clamor a deficitaria situación que se vén dando.

Concellos como Boiro ou A Pobra do Caramiñal, cos que Noia e a súa área gardan unha relación histórica, económica, social e, sobre todo, laboral, polo gran número de persoas da comarca de Muros e Noia que se desprazan ás fábricas conserveiras de Boiro e A Pobra, e que distan apenas vinte minutos en coche, manteñen só dous servizos directo ao día en cada dirección, e, en ningún caso, con conexión nas fins de semana. No caso dos autobuses saíntes de Noia non hai tampouco ningunha conexión polas tardes e no caso dos que chegan a Noia ningún que o faga a primeira hora da mañá.

A paulatina redución de traxectos nos últimos anos fai que a conexión entre Noia e Boiro ou A Pobra sexa unha combinación case imposíbel e que o abandono do transporte público sexa cada vez maior por parte dos usuarios e usuarias que, na maioría das ocasións, acaban facendo un circuíto dende Noia a Ribeira e dende aquí á Pobra ou a Boiro, incluso con transbordo ás veces na Pobra para dirixirse a Boiro. É dicir, unha ruta dende Noia a Boiro, de apenas 18 quilómetros e 20 minutos, remata converténdose nun auténtico rodeo de preto de 40 quilómetros e dunha hora e media de duración.

E por se estes problemas que se arrastran nos últimos anos fosen poucos, hai que sumar os problemas que están a acontecer na conexión entre Noia e Ribeira, onde os autobuses se retrasan considerabelmente ou mesmo non chegan a pasar nos horarios indicados pola concesionaria porque o tempo estipulado para facer o servizo é totalmente insuficiente. O traxecto Ribeira-Noia, segundo o horario establecido, debe chegar desde Ribeira ata Noia ou viceversa en 45 minutos, reducindo en 15 minutos o tempo no que se facía coa anterior e provocando a imposibilidade de cumprir coas previsións, o que resulta nun pésimo servizo para as persoas usuarias.

Por se este problema fora pouco, a conexión entre Ribeira e Noia estase a facer en moitos casos en microbuses que, ao se encher, non permiten a entrada de persoas usuarias nas últimas paradas, as cales quedan incomunicadas co grave prexuízo que isto supón.

A posta en marcha do Plan de Transporte de Viaxeiros por Estrada establecido pola Xunta ía supoñer a mellora do transporte público por estrada e contaba cun investimento da Xunta de 9,3 millóns de euros ao ano. Este mesmo verán, a conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, incidía na “completa modernización do transporte público por parte do Goberno galego, cun incremento do 40% do número de rutas e do 70% as paradas”. Esta ficción que sinala a conselleira contrasta coa realidade do transporte público na nosa comarca.

O transporte público é un servizo esencial para garantir que as persoas poidan desprazarse no territorio, poidan acudir ao traballo ou mesmo ao médico pero tamén debe ser unha prioridade coa que contribuír a reducir o uso do vehículo privado e reducir a contaminación atmosférica. Sen dúbida, apostarmos polo transporte público tamén melloraría a calidade de vida da cidadanía galega e faría do noso municipio e a nosa comarca dun lugar máis atractivo para vivir. Lonxe de termos un transporte público de calidade, como demostran os feitos, a situación das conexións de transporte público do noso municipio, no canto de mellorar, esmorece. E disto son exemplo calquera das conexións das que dispoñemos, cada unha por motivos diferentes.

Por todo o exposto, o Grupo Municipal do BNG presenta os seguintes acordos para debate en Pleno:
“A Corporación do Concello de Noia insta ao Goberno Galego a:
- Incluír no convenio de colaboración entre a Xunta e distintos concellos a aqueles da comarca de Muros e Noia que o soliciten, a efectos de formaren parte da Área de Transporte Metropolitano de Santiago de Compostela.
- Levar a cabo coa maior axilidade posíbel todas as actuacións necesarias para mellorar a conexión estratéxica entre a comarca de Muros e Noia e a da Barbanza, nomeadamente entre Noia e Boiro e Noia e A Pobra do Caramiñal.
- Tomar parte activa nas problemáticas provocadas polo servizo que está a dar a concesionaria do servizo de transporte colectivo entre Noia e Ribeira e facer o que sexa necesario para que o traxecto se faga de xeito que satisfaga as necesidades das persoas usuarias dun xeito eficaz.”

BNG de Noia e Galiza Nova reclaman melloras no transporte