NUNHA CONTESTACIÓN EVASIVA, A XUNTA EVITA REFERIRSE Á INCLUSIÓN NA ÁREA METROPOLITANA DE COMPOSTELA E Á CONEXIÓN NOIA - BOIRO - POBRA.
A Xunta evita responder sobre os problemas de transporte de Noia e comarca
Tanto en Noia como na nosa comarca existe un importantísimo número de persoas que se ven obrigadas a viaxar dende os diferentes municipios a Santiago por motivos laborais, sanitarios, de estudos ou de ocio e que contan cun servizo de transporte moi deficiente para poder facelo.
A poboación desta comarca leva anos reclamando unha mellora do servizo do transporte que a une á capital e dende todos os concellos vense poñendo de manifesto este problema. No caso do concello de Noia, a solicitude de tramitación para a adhesión á área metropolitana compostelá está aprobada dende o ano 2014.
O propio parlamento galego acordou unanimemente, no ano 2017, “iniciar un estudo para incluír a Noia na área de transporte metropolitano de Santiago”. A día de hoxe, en 2021, seguen a agardar pola inclusión, un feito que suporía para todos os veciños e veciñas da comarca un avance significativo en canto á mellora da oferta de servizos, aumentando a cantidade de viaxes diarias e a posibilidade de que máis viaxes sexan directas, polo corredor. Tamén en canto aos prezos, reducíndose dun xeito importante o custo do billete.
Por outra banda, a falla de conexión axeitada entre Noia e comarca e a da Barbanza é o caso paradigmático do abandono e desidia por parte da administración e hai anos que é un clamor a deficitaria situación que se vén dando. Concellos como Boiro ou A Pobra do Caramiñal, cos que Noia e a súa área gardan unha relación histórica, económica, social e, sobre todo, laboral, polo gran número de persoas de Noia e da comarca que se desprazan ás fábricas conserveiras de Boiro e A Pobra, e que distan apenas vinte minutos en coche, manteñen dous servizos directo ao día en cada dirección e, en ningún caso, con conexión nas fins de semana.
A paulatina redución de traxectos nos últimos anos fai que a conexión entre Noia e Boiro ou A Pobra sexa unha combinación case imposíbel e que o abandono do transporte público sexa cada vez maior por parte dos usuarios e usuarias que, na maioría das ocasións, acaban facendo un circuíto dende Noia a Ribeira e dende aquí á Pobra ou a Boiro, incluso con trasbordo ás veces na Pobra para dirixirse a Boiro. É decir, unha ruta dende Noia a Boiro, de apenas 18 kilómetros e 20 minutos, remata convertíndose nun auténtico rodeo de perto de 40 kilómetros e dunha hora e media de duración.
Por todo o exposto, o Grupo Parlamentar do BNG presentou a seguinte proposición non de lei e unha batería de preguntas ao goberno co mesmo obxecto:
“O Parlamento galego insta a Xunta de Galiza a:
- Incluír no convenio de colaboración entre a Xunta de Galiza e distintos concellos a aqueles das comarcas de Muros e Noia que o soliciten, a efectos de formaren parte da Área de Transporte Metropolitano de Santiago de Compostela.
- Levar a cabo coa maior axilidade posíbel todas as actuacións necesarias para mellorar a conexión estratéxica entre as comarcas de Muros e Noia e a da Barbanza, nomeadamente entre Noia e Boiro e Noia e A Pobra do Caramiñal.”
A resposta da Xunta foi un conxunto de vaguidades con respecto aos plans de transporte galego sen facer referencia en ningún momento á inclusión de Noia e comarca na área metropolitana de Santiago de Compostela e sen facer mención ningunha á conexión entre Noia, Boiro e Pobra de Caramiñal. Podemos entender, polo tanto, que non entra nos plans da Xunta mellorar estas conexións de transporte e desatender ditas peticións.