O BNG de Noia insiste nos pasos de peóns para Orro e Boa
A Corporación Municipal de Noia aprobou por unanimidade a proposta do BNG para seguir insistindo na colocación de pasos de peóns nos lugares de Orro e Boa. Unha intervención que precisa do beneplácito da Administración galega, a quen lle compete a xestión da estrada AC-550.
A insistencia do BNG no cumprimento desta demanda veciñal vén de lonxe, cando xa a comezos do actual mandato, en setembro de 2020, despois da recollida de sinaturas a prol desta cuestión, achegaron ao Parlamento unha primeira petición para a colocación dos pasos.
Aquela petición foi rexeitada pola Xunta de Galicia, mais desde o BNG insistiron, desta vez en febreiro de 2021, fixeron unha petición máis específica na que preguntaron en dúas localizacións concretas en cada un destes lugares.
A resposta por parte da Administración galega tardou en chegar, mais contestou o 22 de setembro de 2021 que “unha vez analizadas as condicións da estrada neste treito, informóuselle ao Concello que o punto que cumpre cos requirimentos da Orde Circular 1/2008 é o punto quilométrico 70+050, á altura da marquesiña”, punto que tiña sinalado o BNG. Indicou a Xunta tamén que, “para mellorar as condicións deste paso, é necesario que desde o Concello se realizasen unha serie de actuacións encamiñadas a asegurar a seguridade dos usuarios do paso. A Axencia Galega de Infraestruturas e o Concello de Noia están en contacto para que este paso de peóns en Orro se materialice o antes posible”.
Requirido o alcalde de Noia polo grupo municipal do BNG en Noia sobre as xestións a realizar para materializar o antedito paso de peóns e preguntado polo prazo no que este sería colocado, o alcalde de Noia sinalou o pasado mes de xaneiro que estas xestións xa estaban realizadas e que se pensaba materializar o paso de peón antes do remate do mes de febreiro.
Con respecto ao caso de Boa, a Xunta sinalou que “non é treito urbano e non dispón de beirarrúas en ambas marxes”, e que, ademais, “a iluminación non é suficiente”. Porén, o grupo municipal do BNG en Noia considera que “o feito de que a parroquia de Boa non se considere treito urbano non se axusta á realidade do lugar, cando ademais temos constancia da existencia de pasos de peóns en zonas similares nas que hai unha menor densidade de poboación”, sinalou o portavoz da formación, Ricardo Suárez.
“As beirarrúas, aínda que moi mellorables, existen, e a iluminación supón un problema recoñecido pola Xunta que constitúe un perigo por si mesmo, e que facilmente se podería mellorar. Se se realizan as accións precisas, e se realizan dun modo coordinado entre as dúas Administracións con dilixencia e bo facer, poderíase solucionar neste lugar un problema veciñal antigo”, proseguiu Suárez
Así mesmo, o portavoz do BNG afirmou que “existen outros puntos do municipio que se atopan cortados por estradas de envergadura e con tráfico relativamente fluído, que provocan que determinados núcleos se atopen partidos á metade, con todo o que iso supón desde o punto de vista da mobilidade e da cohesión nos mesmos”.
Desde o grupo municipal do BNG agardan que o acordo plenario alcanzado sirva para que se proceda á colocación do paso de peóns aceptado pola Xunta en Orro coa maior brevidade posible, que se realicen as xestións necesarias de modo bilateral para posibilitar que a zona de Boa poda cumprir coas condicións de iluminación e de adecuación das beirarrúas para que se poda colocar un paso de peóns, así como que se traballe no sucesivo de forma coordinada coas Administracións que sexan titulares das estradas para establecer medidas para que se poidan colocar máis pasos de peóns seguros no municipio, dando prioridade a aquelas zonas que se atopan divididas por estradas cun maior tránsito.