O REPRESENTANTE NACIONALISTA OBTIVO O APOIO UNÁNIME DA ASEMBLEA LOCAL

Ricardo Suárez repetirá como candidato do BNG á alcaldía de Noia

Militancia do BNG de Noia despois da Asemblea local desta fin de semana
Militancia do BNG de Noia despois da Asemblea local desta fin de semana

O BNG de Noia culminou esta fin de semana o proceso de selección do liderado da candidatura que concorrerá nas vindeiras eleccións municipais de 2023. Ricardo Suárez resultou elixido pola totalidade da Asemblea nacionalista do municipio.

Ricardo Suárez repetirá como candidato do BNG á alcaldía de Noia

O proceso comezou o pasado 30 de abril de 2022, cando o Consello Local do BNG de Noia acordou abrir un prazo de presentación de candidaturas de cinco días entre o 5 e o 9 de maio, tal e como establecen os Estatutos da formación.

A única candidatura foi a de Ricardo Suárez, que foi benvida pola militancia como unha mostra de continuidade dun proxecto local do BNG que, segundo se indicou, está conseguindo conectar coa cidadanía a través do traballo e a coherencia. 

O representante nacionalista foi cualificado como a persoa “idónea” para constituír “unha candidatura e un proxecto ambiciosos que poidan ser motor de cambio nunha Noia que se atopa estancada co Goberno actual”. Así mesmo, recoñeceuse “a valía demostrada por Suárez” durante os últimos anos como “un aval da súa capacidade para liderar” o equipo do BNG de Noia nas municipais de 2023.

Ricardo Suárez agradeceu á militancia “a total confianza e apoio depositados na súa persoa”, e prometeu “traballo e esforzo para conseguir que o proxecto do BNG poida ilusionar á veciñanza noiesa”. Suárez remarcou a necesidade de “achegar mans e voces ao proxecto” para poder cumprir coa “responsabilidade que temos por diante”, conseguir un cambio “cara a unha Noia con futuro”.

Ricardo Suárez repetirá como candidato do BNG á alcaldía de Noia