LOGO DE VARIAS PREGUNTAS DO BNG, A ÚLTIMA EN NOVEMBRO E SEN RESPOSTA POR PARTE DO GOBERNO LOCAL, OS PROBLEMAS SEGUEN SEN SOLUCIÓN.

O BNG de Noia insiste en pedir solucións para o sinal televisivo

Zona de sombra no sinal da televisión en Sobreviñas e Ponte de San Francisco.
Zona de sombra no sinal da televisión en Sobreviñas e Ponte de San Francisco.

Na imaxe explícase cun exemplo concreto un dos problemas na recepción, o das zonas de sombra. A liña principal pasa polo repetidor (círculo vermello á dereita da imaxe) e polo inicio dunha masa de eucaliptos (frecha laranxa). Esta liña, que marca o inicio da sombra, pasa xusto pola fonte de Sobreviñas (estrela vermella), que se pode tomar como referencia; e canto máis ao norte da fonte, peor se ve a televisión.

O BNG de Noia insiste en pedir solucións para o sinal televisivo

Varias son as preguntas xa realizadas polo grupo do BNG de Noia ao respecto dos problemas no sinal de televisión que están a sufrir a veciñanza de varios núcleos de poboación de Noia. Uns problemas que no canto de mellorar están a ir a peor, indican dende a formación nacionalista, que foi alertada por veciños de Sobreviñas e Ponte de San Francisco de que nos últimos días non se poden visualizar diversas canles, incluídas algunhas das de maior audiencia.

As últimas das preguntas do grupo municipal ao respecto desta cuestión foron rexistradas nos pasados meses de outubro e novembro, mais a última delas aínda non foi contestada polo goberno local.

As preguntas responden a dúas problemáticas diferentes que impiden unha boa recepción do sinal da televisión, uns problemas que aínda que se fan máis intensos nos lugares de Sobreviñas e Ponte de San Francisco, tamén afectan a outras localizacións do municipio.

A primeira das problemáticas deriva dos recorrentes problemas técnicos que o repetidor da sinal de televisión sofre, e que fan que de xeito repetido aparezan problemas puntuais na recepción de determinadas canles televisivas. Pero alén dos repetidos problemas en momentos concretos, a localización do repetidor, situado no núcleo de Sueiro, provoca que se xeren “zonas de sombra” con respecto a algún dos lugares aos que esta instalación debería dar servizo, nomeadamente en Sobreviñas e na Ponte de San Francisco. Debido a isto, unha importante porcentaxe dos fogares destes núcleos reciben un sinal de televisión deficiente en todo momento e non poden visualizar moitas canles entre as que se inclúen algunhas das de máxima audiencia.

Dende a formación nacionalista denuncian o paso dos meses sen que o goberno local atenda as súas continúas peticións para dar solución a estas problemáticas e veñen de anunciar novas iniciativas no pleno de xaneiro para insistir na necesidade de atender estas demandas cidadás. No referente a estes lugares, os nacionalistas tamén se interesaron pola necesidade de dar solución aos problemas de salubridade do auga na fonte pública, actualmente cun cartel que indica que non se pode consumir.

O BNG de Noia insiste en pedir solucións para o sinal televisivo