CONTOU COAS INTERVENCIÓNS DE CÉSAR MOSQUERA E MANUEL SOTO.

O futuro da reciclaxe a debate en Noia

César Mosquera (primeiro pola esquerda) durante a palestra sobre reciclaxe en Noia
César Mosquera (primeiro pola esquerda) durante a palestra sobre reciclaxe en Noia

O edificio noiés do Antigo Matadoiro completou a súa capacidade no acto organizado polo BNG no que se debateu o futuro da reciclaxe. As persoas a cargo das intervencións nun primeiro termo foron César Mosquera, vicepresidente da Deputación de Pontevedra, e Manuel Soto, catedrático de enxeñaría química.​

O futuro da reciclaxe a debate en Noia

Mosquera fixo un repaso da evolución normativa da reciclaxe centrándose no futuro da xestión dos residuos desde o eido municipal e recalcou que actualmente xa se abandonou definitivamente o “buenismo”, a “suposición de que mediante campañas de sensibilización e iniciativas puntuais se vai a obter un tratamento correcto dos residuos”. “Sensibilización si”, apuntou, “pero con obxectivos cuantitativos claros e ben definidos que pasan a ser de obrigado cumprimento”.

Para a obtención duns bos resultados sinalou como “variable fundamental” o control, para o que é necesario “a instauración de corpos de inspección desde os concellos”.

No relativo á Mancomunidade Serra do Barbanza, o vicepresidente da Deputación da Pontevedra afirmou que, aínda que o modelo precisa de melloras, atópase nunha situación privilexiada para afrontar o cambio futuro por ter unhas mellores cifras con respecto ao modelo Sogama e por cumprir o principio da proximidade na xestión dos residuos.

Uns datos da planta de Servia que foron referendados polo catedrático Manuel Soto, quen tamén fixo fincapé na necesidade de que o modelo avance no futuro, pero subliñando que ten moito camiño andado en aspectos como o tratamento dos envases ou do papel, cunhas cifras moi superiores ás da media galega.

Soto recalcou a importancia de avanzar na xestión dos biorresiduos, unha cuestión para a que “se necesita xerar novos empregos tanto para ensinar a cidadanía a realizar a súa xestión como para facer un seguimento axeitado dos resultados”.

Despois dun intenso debate que durou máis de unha hora, o portavoz do BNG en Noia, Ricardo Suárez, foi o encargado de pechar a xornada, lembrando que a súa formación “debe seguir exercendo presión para mellorar o funcionamento da mancomunidade” e que encaran as vindeiras eleccións municipais “co obxectivo de que o BNG obteña máis forza na comarca, entre outras cuestións, para asegurar que unha cuestión tan importante como a da reciclaxe sexa unha prioridade dos concellos”.

O futuro da reciclaxe a debate en Noia