OUTES, NOIA E LOUSAME CUNHA SOA PRAZA ACTIVA DE PEDIATRÍA.

Iniciativa parlamentaria do BNG diante do desbordo da pediatría en Outes, Noia e Lousame

sanidade pública BNG
sanidade pública BNG
Ao BNG preocúpalle que o goberno galego considere que cun só pediatra, o de Lousame, están ben atendidos os nenos e nenas de Outes, Noia e do propio Lousame, e vén de actuar en consecuencia no Parlamento galego.
Iniciativa parlamentaria do BNG diante do desbordo da pediatría en Outes, Noia e Lousame

Ao BNG preocúpalle que o goberno galego considere que cun só pediatra, o de Lousame, están ben atendidos os nenos e nenas de Outes, Noia e do propio Lousame. E por iso vén de rexistrar no Parlamento galego unha batería de iniciativas para intentar poñer fin a esta situación de desbordo na atención pediátrica nestes concellos.

Indican os nacionalistas que nestas semanas “as familias do concello de Outes vense obrigadas a prescindir do único profesional en pediatría do que dispón o centro de saúde, que neste momento atópase desfrutando as vacacións que lle corresponden e cuxa praza non se está a cubrir por substituta ou substituto algún”.

Para intentar paliar esta deficiencia, proseguen, “a Consellaría de Sanidade decide derivar aos nenos e nenas de Outes ao centro de saúde de Noia, centro que tampouco dispón do profesional de pediatría por atoparse este de baixa dende antes do verán e que está a ser cuberto por unha médica de familia durante unhas horas en xornada de tarde” e sen o acompañamento “do correspondente e necesario persoal de enfermería”.

O periplo das familias non remata aí, destacan, xa que “as circunstancias da atención pediátrica en Noia fan que, finalmente, os nenos e nenas teñan que ser derivados ao centro de saúde de Lousame, que si conta con pediatra en xornada completa de mañá pero que está totalmente desbordada ao ter que atender nestes momentos a tres concellos: Outes, Noia e o propio Lousame”.

Por estes motivos o BNG levará ao Parlamento unha proposición non de lei para “instar a Xunta de Galiza a cubrir de xeito inmediato as ausencias que se están a producir no servizo de pediatría dos centros de saúde de Outes e Noia e a dotar a este último do necesario persoal de enfermería que lle corresponde.” Estas iniciativas parlamentarias irán tamén acompañadas de actuacións nos plenos municipais dos municipios implicados, sinalan dende o BNG.

Iniciativa parlamentaria do BNG diante do desbordo da pediatría en Outes, Noia e Lousame