Sobre o proxecto do goberno local para a Praza de Abastos de Noia

B9C5BEA8-43AA-4B4C-90AA-296D1304DA6D
Foto do interior da Praza de Abastos de Noia

Desde o BNG consideramos que a actuación de case un millón de euros por parte do actual goberno local na Praza de Abastos é excesiva e destrutiva. O único que lograría é que este edificio emblemático para a nosa vila perdese toda a súa esencia e encanto.

Sobre o proxecto do goberno local para a Praza de Abastos de Noia

Se algo caracteriza e fai especial á nosa Praza de Abastos ademais da súa oferta de produtos frescos e de calidade é a súa estrutura aberta de dúas plantas.

Tanto a noieses como a turistas e visitantes gústanos gozar da visión e luminosidade que nos ofrece a planta superior para ver a actividade diaria dos postos situados na planta inferior. Pois ben, o actual equipo de goberno do noso Concello encabezado polo señor Freire ten proxectada unha intervención na nosa querida Praza de Abastos na que esta peculiar estrutura estaría condenada á súa total desaparición.

Este proxecto faraónico e innecesario para o noso mercado contempla a separación das dúas plantas tapando o espazo central do piso superior.

Desde o BNG consideramos que esta actuación de case un millón de euros é excesiva e destrutiva. O único que lograría é que este edificio emblemático para a nosa vila perdese toda a súa esencia e encanto.

No noso programa de campaña electoral recolleremos acondicionar e mellorar a Praza de Abastos respectando a súa actual estrutura e morfoloxía. Un proxecto cun obxectivo claro, fomentar e dar a coñecer a artesanía e gastronomía locais creando un novo espazo renovado. Apostando pola creatividade de novos emprendedores que desexen dar a coñecer o seu traballo.

Coa nosa proposta conseguiremos dinamizar e revitalizar o noso mercado con novas ofertas de produtos mesturando tradición e modernidade.

Todas estas actividades factibles, serias e respectuosas contempladas no noso programa repercutirán positivamente non só na Praza de Abastos e na súa contorna senón tamén en todo o casco histórico de Noia.

O inmoble da Praza de Abastos ten a condición tipolóxica de edificio singular encadrándose dentro do estilo denominado arquitectura de posguerra. En consecuencia merecente dun tratamento axeitado a esa condición e agardemos que ninguén se atreva a facer experimentos que o acaben deturpando ata que o mesmo fique irrecoñecible.

Sobre o proxecto do goberno local para a Praza de Abastos de Noia