NA PALESTRA CONFRONTARÁNSE OS MODELOS DE SERVIA E SOGAMA
Xornada sobre a reciclaxe
Este sábado 12 de febreiro ás 17 horas no edificio administrativo do Espírito Santo, tamén coñecido como Antigo Matadoiro, en Noia, o BNG organiza unha xornada informativa sobre o futuro e importancia da reciclaxe na que porá tamén o acento sobre as diferenzas entre o modelo da planta de Servia (Lousame) e o modelo Sogama.
O complexo ambiental Serra do Barbanza, depende da mancomunidade de concellos formada por Noia, Muros, Porto do Son, Brión, Carnota e Lousame, aos que da servizo. Da actividade da planta tamén dependen os concellos de Ames, Rois e Pontecesures, ao ser clientes da recollida do lixo mais non asociados á xestión do ente supramunicipal.
O comité de empresa da planta vén de mostrar a súa preocupación en diferentes manifestacións e accións reivindicativas ao ver os seus postos de traballo ameazados diante do vencemento da licitación do servizo á empresa FCC no vindeiro 2023 e da falta de apoio por parte da Xunta para continuar co seu modelo de cara ao futuro.
No acto intervirán Manuel Soto, catedrático de Enxeñaría química na Universidade da Coruña e membro de Adega; César Mosquera, Vicepresidente da Deputación de Pontevedra e impulsor do Proxecto Revitaliza como modelo de compostaxe caseira e comunitaria; e María Lago, concelleira do BNG en Muros e representante do BNG na Xunta Reitora da Mancomunidade Serra do Barbanza.
Despois das palabras das persoas poñentes terá lugar un debate aberto sobre a reciclaxe do que tamén participarán a deputada do BNG en Muros e Noia, Rosana Pérez, e o deputado de Ambiente do BNG, Luís Bará, así como os representantes do BNG nos concellos do ente administrativo.
Carta ao presidente da Mancomunidade
Esta semana o BNG tamén vén de anunciar o envío dunha carta ao presidente da Mancomunidade Serra do Barbanza e alcalde de Carnota, Juan Manuel Saborido.
Na misiva os nacionalistas piden ao presidente que convoque unha Asemblea Xeral, coa finalidade de chegar a un acordo, para a petición formal á Deputación da súa colaboración na elaboración dunha auditoría e da redacción duns novos pregos de condicións, xa que son pasos previos que se determinaran para poder mellorar o servizo e avaliar a viabilidade da planta de Servia. Somos coñecedores de que o goberno da Deputación está disposto a prestar esta axuda, pero que precisa que se solicite formalmente, polo tanto, solicitamos que se poña data para a celebración dunha asemblea.